domingo, julio 06, 2014

Academia Galega e Filgueira, polémica servida

Filgueira Valverde "vendendo" as excelencias de Celulosas de Pontevedra.

A Academia Galega é definitivamente algo sen remedio. Dá igual que a presida un galeguista, un nacionalista, un comunista ou o gaiteiro de Soutelo de Montes, coa salvedade de que se cadra ao gaiteiro de Soutelo aínda lle daba por repinicar unha muiñeira ben repinicada. Nin García Sabell, nin Paco del Riego, nin Barreiro, nin Ferrín nin agora Alonso Montero foron quen de resucitar como era preciso unha institución que leva décadas empeñada en navegar fóra da realidade e dos tempos que lle tocou vivir.
Precisamente cando no terreo político a sociedade galega e a española en xeral parecen estaren tomando conciencia cada vez máis crítica do que nos está pasando, aló vai a Academia Galega e encara a celebración do 17 de maio dedicándolle o Días das Letras Galegas a un valor seguro da cultura e da literartura galegas, pero marcada e doadamente relacionábel cun pasado recente da España máis reaccionaria e ata fascista que representou o franquismo. A Louis-Ferdinand Céline, un dos escritores máis influíntes do século XX, o Goberno francés quíxolle dedicar unha homenaxe no ano 2011, pero tivo que ser cancelada pola presión de grupos sociais que denunciaron as súas opinións antisemitas. Xosé Filgueira Valverde, o elixido pola Academia Galega, non foi acaso o noso Petain que gobernou en nome de Franco a cidade de Pontenvedra, participou nas Cortes do ditador e promoveu a imprantación dunha fábrica de celulosa na ría de Pontevedra?
Dende hai varios anos son moitos os que veñen promovendo que a Academia Galega lle dedique o Día das Letras a Ricardo Carballo Calero, proposta que sistematicamente ven caendo en saco roto por causas que cada vez son menos os que as ignoran. Que magnífica ocasión perdeu este ano a institución presidida por Alonso Montero para non meterse no fregado de Filgueira e restituirlle a Carballo a honra que, anos tras ano, lle ven sendo escapulida.
Descoñezo a responsabilidade que lle pode corresponder a Xesús Alonso Montero nesta designación que está chamada a cuestionar, unha vez máis, o controvertido papel da Real Academia Galega, pero xa me está empezando a sorprender que nas primeiras declaracións para xustificar a escolla deste ano o intelectual marxista e o cidadán comunista que con todo mérito representa o presidente da Academia Galega insista tanto na separación dos valores cívicos e políticos dos culturais e literarios. Argumentos así non deixan de sorprender en tan teimudo seguidor de Antonio Gramsci e divulgador de Gyorgy Lukács.

2 comentarios:

detective crepuscular dijo...

Eu vivo a 1.000 km de/da Galicia/Galiza e vendo/lendo estas cousas teño a sensación que no canto de km son anos luz. Ou anos sombra, que tamén pudera ser. Ou, xa postos, anos negra sombra, que aínda lle acai mellor. Bótolle unha ollada de esguello ás partes galegas dos estantes e parece mentira.

Voz en off dijo...

Moitos defenderon no seu día a implantación da celulosa en Pontevedra, e moitas outras cidades a quixeron. Non hai que esquecer a historia, nin xogar a separarse por vellas cuestións políticas.