domingo, noviembre 02, 2014

Hubert de Montille


“Morramos polas ideas. De acordo, pero de morte lenta”, cantaba George Brassens. E, a ser posíbel, conforme co que un mesmo é. Máis ou menos é o que lle acaba de pasar ao gran viñateiro e avogado francés Hubert de Montille, que faleceu o sábado 1 de novembro, aos 84 anos, cando estaba comendo con varios amigos e bebendo un execelente Pommard Les Rugiens 1999 da súa afamadísima producción.
De Montille empezou sendo un avogado que coñeceu o prestixio profesional levando con brillantez a defensa dalgúns casos célebres, tradición que lle viña da súa familia, pero a súa verdadeira vocación foi a de ser un bo adegueiro. Cumpriu con creces o seu propósito desenvolvendo en Nolvay, Borgoña, o pouco que quedaba da vella herdanza familiar ata convertela no que hoxe é o prestixiosísimo Domaine de Montille. E todo isto non foi sen dificultades, xa que de entrada os bancos negáronlle todo tipo de créditos para ir comprando os terreos cos que foi agrandando a súa propiedade. De Montille foi un dos grande defensores e creadores do concepto “terroir” para o cultivo e producción de viños de gran calidade. Era un dos grandes do viño francés, que equivale a dicir do mundo, e probablemente acaba de morrer como a el gustaría facelo: comendo cos seus e bebendo un dos seus mellores viños. Así (non) morre calquera.

No hay comentarios: