sábado, febrero 01, 2014

Cidadán Pedo J.


Un amábel lector de Croques, Rafael García, pregúntame se é posíbel que a Pedro J. Ramírez o indemincen con 20 millóns de euros, e vou ver se sei responderlle. Posíbel si que é. O que non é, é xusto. E o que tamén é, é un escándalo de moito nabo de Lugo. Do que vai trascendendo, o que a partir de mañá será ex director de El Mundo e a súa empresa asinaron hai tempo un contrato no que se blindou a saída involuntaria do xornalista estrela cunha cobertura indemnizatoria que pode ser de 20 millóns de euros, que deixa a un coa boca aberta se se traduce á antiga moeda española: 3.327.720.000 pesetas. Indudabelmente, isto non ten nada que ver coas indemnizacións –cada vez máis limitadas– que poden percibir a inmensa maioría dos traballadores cando as súas empresas os depiden, e permítenos preguntarnos se o beneficiario de tamaña indemnización estaba moralmente capacitado para denunciar as inxustísimas millonadas que cobraron os antigos dirixentes de Caixa Galicia e Caixavigo, por exemplo.
O que nos leva a algo que moita xente aínda se sigue negando a ver: a corrupción e a malversación de fondos nas empresas do capitalismo reinante. Fálase todos os días –e con razón moitas veces– da corrupción política, pero cóntasenos pouco –máis ben case nada– de como malversan fondos e medios en xeral a maioría das empresas que cortan o bacalao. E non nos debería abondar con que se nos diga que esas empresas son privadas e fan o que máis lle peta aos seus consellos de administración. Non señor, a economía, coma minería ou coma calquera fonte de recursos, non é un ilimitado saco sen fondo. Todo é susceptíbel de ser gastado –ou pior aínda, mal gastado– e, polo tanto, esgotado. Como se esgota o peixe no mar ou secan os pozos de petróleo. Cada vez que se fai mal uso de calquera recurso estase a violentar o desexábel equilibrio de que debería gozar a humanidade, e, xustamente debido a esa violencia universal, cada vez medran máis a desigualdade e a inxustiza social.
En consecuencia, non deixa de ser chocante que Pedo J. Ramírez fundase e dirixise tantos anos un xornal madrileño que se ten feito notar por unha relativa independencia que lle fixo destacar pola denuncia de determinados temas importantes. Está moi ben –e é de celebrar– que El Mundo pillase algunha dianteira na denuncia da corrupción dos partidos políticos e dos sindicatos, ou na exposición pública de ilegalidades urbanísticas e economicas, pero cómpre non esquecer que o propio Pedro J. Ramírez rematou saíndo nos papeis por mor dunha pisicina irregulamernte construída na súa casa de veraneo en Mallorca ou que agora pode rematar cobrando unha indemnización multimillonaria que lle tería que pagar unha empresa que el vai deixar en perdas moi significativas.
En fin, que non todo é ouro no relumbrón de Pedro J. Ramírez. El mesmo, como case todos o personaxes que denunciou no seu xornal, presenta luces e sombras. É un gran xornalista, non hai dúbida, pero tamén é un gran cidadán? Voilà la question.

2 comentarios:

Voz en off dijo...

Que Jeta Pedro Jota!!!

Unknown dijo...

Grazas e moitas de verdade pola resposta.Neste mundo xa vexo que hai moitos submundos distintos e distantes.Os que nos sucedan,eu son un pensionista,terán que pelexar por arranxalo.Hailles que dar azos e botarlles unha man no pouco que poidamos.Seguireite lendo con agrado como sempre.Un saúdo con afecto.Rafael