miércoles, noviembre 13, 2013

Dende Soria ao Prestige, a AGE e a ese ministro de apelido teutón

Seis días viaxando pola provincia de Soria servíronme para apañar unha gripada que me mallou o corpo para toda unha semana. Se cadra foi o frío glaciar da Laguna Negra e nin os torresmos de Vinuesa nin os “riberitas” de San Esteban de Gormaz nin as xemas de Almazán me serviron para reducir a gravidade deste primeiro costipado invernal. Claro que pior co gripe soriano case é a febre que lle está medrando estes días á actualidade galega. Vaia semana a segunda deste mes de novembro.
Para empezar, a sentenza do Prestige. Será posíbel tanta discrepancia coa realidade? Realmente onde viviron e en que traballaron durante estes últimos dez anos os representantes da Xustiza que produciron tamaño descalabro? A Xustiza hai que respectala e acatala cando lle chega o seu momento, pero non temos por que comulgar con todas as rodas que pon en circulación, e a sentenza que acaba de emitirse na Coruña non ter por que ser a que marque o definitivo peche xudicial do asunto.
Logo está a xa demasiado enleada substitución do deputado de AGE que se foi investigar non sei ben que a Copenhague. Por certo, recoméndolle que con parte dos cartos que lle liquide o Parlamento de Galicia vaia darse unha panzada no Noma e que aproveite a ocasión para contarlle o seu caso a René Redzepi, que foi ata hai pouco o mellor cociñeiro do mundo. O famoso chef danés se cadra é quen de entendelo (o caso da substitución). Eu xa renuncio a conseguilo.
E, ademais, está o glorioso espectáculo circense-político-deseducativo que segue dando ese ministro de apelido teutón que temos en España e que se empeña en arruinar definitivamente non só a educación senón a cultura en xeral, co beneplácito e a satisfación case pantagruélica de Mariano Rajoy.
Pensando ben as cousas, case me gustaría máis seguir papando frío por terras numantinas. Polo menos alí tería o conforto do Ribera del Duero, do cabrito asado e das xemas de Almazán, e ata san Pedro de Osma me podería botar se cadra unha bendición dende o seu preciosísimo sartego na catedral de Burgo de Osma. E, senón, lería a Machado, a Gerardo Diego e a Bécquer –e mesmo a García Nieto e a Erza Pound– mentres subía e baixaba de San Saturio ou paseaba por Medinaceli.

1 comentario:

José Manuel AlVe dijo...

Unha boa cura en Xinzo se cadra é a mellor opción