jueves, octubre 10, 2013

Blanco Amor, a aventura de vivir nun pobo


Xa sei que ninguén me vai crer que aínda sigo enleado na organización da miña biblioteca. Dende hai máis de vinte anos levo empeñado en facer eu mesmo de bibliotecario de silveira co propósito de meter todos os libros que fun xuntando ao longo da vida nun programa informático que me permita telos facilmente localizabeis e controlados. En realidade, todo isto non foi máis ca un bo propósito que nunca empecei a realizar ata hai dous ou tres meses, pero agora xa estou a piques de rematalo e moito me alegro de telo emprendido. Por fin vou sabendo os libros que teño e mesmo os que xa non teño por diversas razóns que non veñen ao caso.
Por exemplo, acabo de atopar un volume titulado La peligrosa aventura de vivir en un pueblo, que foi publicado en 1990 mediante unha subvención da Deputación de Ourense. Colleita os artigos publicados por Eduardo Blanco Amor en la Hoja del Lunes e en La Región de Ourense durante os anos 1967, 1968, 1969, 1970 e 1971, grazas ao traballo levado a cabo polas irmás Belén e Maribel Outeiriño, que anunciaron daquela a súa intención de acometer “unha nova edición cos artigos do escritor ourensán nos mesmos diarios ata a súa morte, ocurrida en 1979”.
Di Maribel Outeiriño, no prólogo deste libro, que Blanco Amor decidiu afincarse en Ourense o día no que pensou mercar un piso na capital das Burgas, logo de andar errante case tres anos antes de tentar a perigosa aventura de vivir nun pobo. Daquela aínda circulaba algunha xenerosidade pola Galicia cultural e o autor de Xente ao lonxe puido adquirir a que pasou a ser a súa vivenda cos cartos que lle regalaron un grupo de pintores galegos, logo de facer con este fin unha exposición colectiva en Vigo.
Lamentabelmente as irmás Outeiriño aínda non cumpriron a súa promesa de 1989 de recompilaren o resto dos artigos de Blanco Amor publicados en La Región entre 1967 e 1979. Sei que Maribel e o escritor galego Lois González Tosar están sendo animados polo presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, a emprenderen conxuntamente unha futura edición deses artigos. Estaría ben que eles, ou quen fose, levase a cabo pronto esa recolleita que nos serviría, entre outras cousas, para coñecer mellor a quen foi un dos nosos mellores escritores e homes do pensamento galego. E, de paso, se cadra debería alguén afondar algo na vida que levou Blanco Amor dende que regresou de Arxentina. Eu sei de promesas que se lle fixeron en Vigo e que non foron cumpridas causándolle ao escritor desacougos e frustracións que non contribuiron a facerlle a vida doada durante os primeiros anos do seu afincamento definitivo en Galicia, por exemplo.

3 comentarios:

detective crepuscular dijo...

Pois que alegría me dá que alguén fale destas cousas. Eu tamén teño ese libro, don Perfeuto, e dei rápido con el. Mercado o 3/01/2001, en La Región. Había unha pila deles. Dos dous que merquei, un regaleino e o outro ficou comigo. Leo no índice, OURENSE E O GALEGO, VALLE INCLÁN EN "TRASACORDO", EL CIRCO DE LOS MUCHACHOS, O GALEGO E AS MULLERES, SANTIAGO OTRA VEZ, JUICIO A CUNQUEIRO, ORENSE Y CASTELAO... E xa que saiu Valle, e agora que lle veñen de dar o Nobel a Alice Munro, que dous grandes premios Nobel terían sido Valle e Blanco Amor. Saúdos.

Carqueixa dijo...

Sabe, don Perfeuto, cando eu era mozo, antes de ir a mili (remateina o ano que morreu Franco; ajnda que non oín misas vestido de militar¡) o sr. Blanco Amor, acabado de chegar da Arxentina ía por o bar a onde eu e os meus colegas botábamos a partida, o bar Rincón, na rúa da Paz, perto de onde el moraba.
Recórdoo sempre sentado nunha daquelas mesas de mármore; unhas veces lendo un libro ou un xornal, e outras escribindo nunha libreta. O que nunca lle faltaba era sempre o que en Ourense chamamos "unha palomita", ao seu carón. Xa sabe, en Ourense daquelas chamábaselle así a unha pequena xerra de louza branca coa que se servía o viño nas cuncas. Hoxe as cuncas só se ven como reclamo turístico.
A miña nai coñeceuno e tratárao cando ela ainda estaba solteira e traballaba no bar Peña da Praza do Ferro, onde tamén el ía antes de marchar para Sudamérica. Lembro que tamén ela me dicía que case sempre o fillo da florista, como ela lle chamaba, cando ía ao bar Peña, pedía unha palomita; polo visto foi un costume, bo costume, diría eu, que nunca perdeu ao longo da súa vida.
O que si me quedou gravada foi a imaxe de que sempre o vía moi só, como moi illado, moi solitario, sempre buscando compaña na lectura e na escrita,non sei se é unha imaxe trabucada, pero foi a imaxe que eu gardo del.
Ao igual ca de don Ramón Otero Pedrayo, outro ilustre da rúa da Paz e a de don Xaquín Lorenzo, ainda que destes as imaxes foron moi distintas.
Grande rúa esta da Paz en Ourense, e que grandes persoeiros nela moraron.
Cumprimentos.

Perfecto Conde dijo...

Excelente aportación para un mellor coñecemento de Blanco Amor. Eu, que na décado de 1970 tratei moito a Blanco Amor, concordo co retrato que fai Carqueixa da vida ourensá do escritor.