miércoles, abril 03, 2013

Feijóo versus Vázquez Taín

Xuíz Vázquez Taín

O xuíz compostelano Xosé Antonio Vázquez Taín seguramente acaba de meterse nunha camisa de once varas coas declaracións que lle acaba de facer ao subdirector de El Mundo Casimiro García-Abadillo contradicindo a versión dada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez-Feijóo sobre a súa relación persoal co narcotraficante Marcial Dorado.
Di o xuíz-novelista que, cando lle fixeron o rexistro a Dorado Baúlde, “nós sabiamos que as fotos estaban alí”. Cando o souberon? Antes do rexistro? Durante o rexistro? Un xuíz debería ser máis preciso no uso dos tempos verbais. Tamén indica que por “esas datas Dorado era un empresario moi activo e moi dado a sacar fotografías”. De feito, segundo sigue dicindo Taín, “poderían aparecer máis fotos do presidente e de moita xente máis... Pero non se incautou ningunha foto porque eran irrelevantes para a investigación durante a instrucción: durante a instrucción non resultou indicio ningún de actividade ilícita. Polo tanto, para que íamos levar as fotos?”. A ver, non resultou indicio ningún respecto a quen? Porque Marcial Dorado rematou sendo condenado a catorce anos. Daquela haberá que entender que o maxistrado se refire a Alberto Núñez Feijóo.
Pero o máis picante do xuíz-estrela santiagués atopámolo cando lle di a El Mundo que as escoitas telefónicas foron unha base fundamental para a investigación que levou a Dorado á cadea como consecuencia da operación South Sea: “Deriváronse outras implicacións. Derivamos material para unha causa por suborno precisamente contra membros da Seguridade do Estado. Trátase de gardas civís. Tamén se detectou unha trama para vingarse de min pola que está imputado un tenente coronel da Garda Civil”.
O caso ven sendo que a tal Operación South Sea, levada a cabo conxuntamente pola Policía e por Aduanas, arrincou no ano 2001 con pinchazos telefónicos a rexistros nas casas de Marcial Dorado. Como ben lembra agora El País, nese ano presidía o goberno español Xosé María Aznar e Núñez Feijoo era presidente de Correos, antes de incorporarse á Xunta que presidía Manuel Fraga como conselleiro de Obras Públicas en xaneiro do 2003.
Di o xuíz Taín que “durante a investigación houbo observacións das conversacións telefónicas entre Núñez Feijóo e Marcial Dorado. Esas conversacións non se consideraron en ningún momento delitivas; nen sequera se detectaron indicios indicativos de nada”. E, para cuidarse en saúde, tamén apostila esta innecesaria observación: “É que eu estaría prevaricando se detectase calquera indicio sospeitoso e non librara testemuña ou incoase dilixencias previas”.
De todo isto dedúcese que o presidente Feijóo puido non contar toda a verdade na roda de prensa coa que se defendeu da nevarada que lle está caindo enriba. A el ou ao xuíz estalles fallando a memoria. Ou, algo que sería máis grave, alguén dos dous está mintindo. Véxase por onde as xa celebérrimas fotografías están causando danos paralelos.
A cuestión non é intranscendente, por usar unha palabra que lle é moi cara ao zuíz Taín. Deberia ser aclarada conforme a dereito.

No hay comentarios: