jueves, marzo 14, 2013

O novo Papa colaborou coa ditadura militar arxentina

Jorge Bergoglio tomando mate
A Igrexa Católica ten un novo Papa que non vai pasar desapercibido. O cardeal arxentino Jorge Bergoglio, agora Papa Francisco I, é calquera cousa menos unha persoa descoñecida ou aplaudida por todos. Para empezar, tén ás súas costas un suposto pasado de colaboracionismo co réxime militar da Ditadura arxentina, no seu día denunciado publicamente polos sacerdotes Orlando Yorio e Francisco Jalics, que foron deixados polo daquela provincial da Compañía de Jesús e agora xefe supremo do catolicismo aos pés dos cabalos dos ditadores militares que os secuestraron e torturaron durante cinco meses. Pior sorte correron aínda daquela outros catro catequistas que nunca máis apareceron, entre os que estaban Mónica Candelaria Mignone, filla do fundador do Centro de Estudios Legales y Sociales (CELS), Emilio Mignone, e María Marta Vázquez Ocampo, filla da presidenta de Madres da Plaza de Mayo, Martha Ocampo de Vázquez. Estes feitos foron especialmente difundidos polo prestixioso escritor e xornalista arxentino Horacio Berbitsky, que publicou varias reportaxes en Página/12 e dous libros sobre o asunto.
O agora novo Papa sempre negou ter responsabilidades nestes casos, e así o fixo ver cando foi declarar diante do Tribunal Oral 5 de Buenos Aires, dicindo que soubo deles logo de terminada a ditadura, pero o Tribunal Oral 6, que xulgou o plan sistemático de apropiación de fillos de detidos-desaparecidos, recibiu documentos que indican que Bergoglio, xa no ano 1979, estaba ao tanto do que pasaba e polo menos interviu nun caso de petición ao daquela superior dos Xesuítas, Pedro Arrupe.
En calquera caso, a persoalidade que hai na vida de Francisco I é a dun auténtico estratega católico que sempre viu con mellores ollos a oposición política do seu país, Arxentina, ca os gobernos de Entesto Kirchner primeiro e de Cristina Fernández despois, respecto aos que sempre se sentiu ofendido, especialmente cando foi aprobada unha lei que autorizou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.
Fillo dun emigrante italiano, piamontés, que foi ferroviario en Buenos Aires, Bergoglio fíxose primeiro técnico químico, antes de entrar no Seminario cando xa tiña 21 anos e de ordenarse sacerdote aos 33 anos. Esta tardía vocación non lle impediu emprender inmediatamente unha meteórica ascensión na escala de mandos da Igrexa Católica. Só catro anos despois de ser cura, xa era o xefe da Compañía de Jesús na Arxentina, e foi nese tempo cando puido ter incorrido nalgunha debilidade respecto á ditadura militar que oprimiu o seu país.
Polo demais, é un home ao que se lle atribúen dotes de administrador moi ordenado que lle poden servir para depurar as finanzas dun Vaticano que se perdeu demasiado en leas que nada teñen que ver coa tan proclamada espitualidade. Ten sona de austero (en Buenos Aires non tiña coche oficial e desprazábase no Metro ou en autobuses públicos), de saber manexar ben o poder e de estar ao lado dos pobres. Como bo “porteño” é un excelente manexador da dialéctica e dos recursos comunicativos, aínda que nada amigo de falar cos xornalistas.
O máis seguro, según todos os indicios, é que resulte un Papa continuista. Como acaba de escribir Verbitsky en Página/12, “será un ersatz, esa palabra alemana a la que ninguna traducción hace honor, un sucedáneo de menor calidad, como el agua con harina que las madres indigentes usan para engañar el habre a sus hijos”. O que non se sabe aínda, como tamén apunta Verbitsky, é se foi “elixido para tapar a podredume que reduciu á impotencia a Joseph Ratzinger. As loitas internas da curia romana seguen unha lóxica que os feitos máis escuros poden atribuirse ao espírito santo, xa sexan os manexos financieros polos que o Banco do Vaticano foi excluido do clearing internacional porque non cumple coas regras para controlar o lavado do diñeiro, ou as prácticas pedófilas en case todos os países do mundo, que Ratzinger encubriu dende o Santo Oficio e polas que pediu perdón como pontífice”.

1 comentario:

Anónimo dijo...

POIS MENOS MAL QUE XENTE COMA VOSTEDE, DON PERFEUTO, NOS PON AO CORRENTE, PORQUE HOXE MESMO UN INDOCUMENTADO CORRESPONDENTE DE "LA VOZ DE GALICIA", AGUSTÍN BOTINELLI, DESINFÓRMANOS DICINDO QUE O NOVO PAPA É "UN RELIXIOSO CRÍTICO CO AUTORITARISMO", CUXO NOME "NON APARECE EN NINGÚN DOCUMENTO OFICIAL SOBRE AS INVESTIGACIÓNS DOS CRIMINAIS DA DITADURA MILITAR".
ANDA QUE SE CHEGA A APARECER AÍNDA MÁIS...