martes, julio 10, 2012

O Libro VI do Codice


Un día calquera haberá que parar de falar do roubo do Codice Calixtino, pero antes diso deberían escrarecérense unhas cantas cousas. Por exemplo, tanto o Sindicao Unificado de Policía (SUP) coma propia institución policial e o mesmo Xulgado encargado do caso, terán que responder a algunhas contradiccións que presenta o caso.
Para empezar, se de verdade houbo un simple policía de base –cousa xa probada– que foi quen de adiantarse un ano en resolver a ecuación do presunto delincuente, como é posíbel que se tardase doce meses en aplicar elementais criterios de procedemento que implicarían rexistrar as propiedades do electricista chorizo que estivo vinte anos desfalcando os petos da catedral de Santiago sen que ninguén se decatase e presentase a correspondente denuncia ata que rematou levando para a súa casa nada menos que todo un tesouro como é Codice? A que esperaban? A que se apoderase dos ósos do Apóstolo para que ninguén puidese demostrar que poden ser os de Prisciliano? A que vendese o Códice ao mellor postor? A que lle pegase lume? Menos coñas.
E, xa que vai de preguntiñas, a ver se alguén me responde a esta: como pode suceder, محظوظ policial e xudicial incluídas, que de repente aparezan en poucos días, antes de que se cumpra o primeiro aniversario do suceso, o Códice e mailo diñeiro que, pouco a pouco, foi arrapañando alguén que parece ser calquera cousa menos un Al Capone? Non sería que contou con cómplices máis sofisticados ca el?
E por que a Policía e mailo xuíz demoraron tanto a súa intervención final? Vaia vostede a saber, pero non esquenzamos que coa Igrexa Católica estamos topando. Din que houbo ata douscentos sospeitosos, que se foron reducindo ata chegar ao fulminante electricista. Se cadra o que lle pasou á Policía e mailo xuíz, que ata viaxou ao Vaticano para investigar a cuestión, foi que se deixaron levar polas pistas falsas que lles foron sementando no camiño. Cónstame que seguiron as de alguén que toca un instrumento moi templario –derivado de templo– que gozou de manga ancha no ámbito da catedral e tamén me parece certo que a Curia compostelá mostrou máis interese en apagar o lume do escándalo que se puidese derivar do caso que en contribuír a un rápido e eficaz escrarecemento dos feitos. Dende este punto de vista, paréceme que aínda é moito o que falta por coñecer do caso. Saberémolo algunha vez?
Contra os que podan pensar que estamos diante dun asunto banal, propio de galegos “escuros”, como se atreveu a calificar o locuaz xefe da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, Serafín Castro, eu digo que andamos preto dun affaire que ten moito que ver coa España escura e profunda do catolicismo espeso e municipal. Algún día hase saber seguramente. Esperemos que daquela aínda siga existindo o Códice e se lle poda engadir un Libro VI no que se conte como sobreviviu un ano metido nunha caixa con sacos de cemento.

1 comentario:

Anónimo dijo...

"serafín castro frías".........