viernes, julio 13, 2012

Hibiscus mutabilis


Se fose avogado, creo que me gustaría defender o ladrón convito do roubo do Códice Calixtino. É máis, en vez de cobrarlle, estaría disposto a correr cos seus gastos de cafetería con tal de que me abrise o corazón dos seus segredos –que deben ser moitos– e me facilitase a comprensión forense dun fenómeno que vai moito máis aló da simple crónica de sucesos. Non van ser só Garzón, Taín e o bruto ese da escuridade galega os que chupen cámara. E que mellor plataforma para chegar a ser un Perry Mason galego que defender nos tribunais o electricista trincón e amigo do deán da catedral de Santiago?
Maletíns cheos de cartos que desaparecen e ninguén denuncia, impostos revolucionarios aplicados á vaicheboa e, para rematar, o roubo dun dos mellores tesouros que garda o templo que lle roubou o nome a Prisciliano. Que gran obra maestra forense podería dar o caso!
Item plus, atreveriame a apostar que, se eu fose avogado e o electricista me encargase defendelo, seguramente non pasaba moito tempo na cadea. Está moi ben que o xuíz instrutor e toda a parafernalia que se ocupa do asunto, se encarguen agora mesmo de atribuirlle a comisión de non sei cantos delictos, pero que vai quedar á hora do xuízo? Que lambeteou todo o que puido nos petos catedralicios e que levou para a súa casa nada menos co Códice Calixtino? Pois claro que si. El mesmo confesou o delicto do Códice porque non lle quedou máis remedio. Pero se nin sequera foi un ladrón, senón simplemente un furtivo que se aproveitou de que non había ninguén nin case nada gardando o marisco. Máximo tres aniños no cárcere e a cobrar dereitos para unha película e unha boa minuta por saír en Interviú contando o que fixo. O seu traballo case foi máis doado e maís inocente ca os dos que valeiraron as caixas de aforro e nin sequera pisaron as baldosas de Curtis.
Din que branqueou diñeiro. Haberá que demostralo porque, de momento, o único que se ve é que o ennegreceu en vez de branquealo. Se cadra ese foi o seu fallo. En vez de levar os cartos a Suiza ou a calquera paraíso fiscal, ao pobriño o único que se lle ocurríu foi metelo en caixas debaixo dun ladrillo, como mal dixo o comisario psicólogo. Está claro que non todos valemos para sermos Al Capone.
Un amigo italiano, case tan mal pensado coma os amigos cos que como no María Castaña, chamoume para dicirme que L’Observatore Romano andaba pensando en publicar un aviso dicindo que o Vaticano precisaba contratar un electricista galego. Pregunteille por que, e contestoume:
–Per andar d’amore e d’acordo, mio caro. Hibiscus mutabilis.
Creo que este italiano, que se chama Simone Simonini, sen vir nunca a Santiago, é dos que mellor están empezando a comprender o que pasou co Códice. Vázquez Taín debería contratar un asesor así.

1 comentario:

Anónimo dijo...

josé antonio vázquez taín, en las antípodas del "vedettismo" garzonita o garzonesco.......