jueves, julio 05, 2012

Amodiño co Códice



Antes de que pase a resaca pola celebración da reaparición do Códice Calixtino, quizais cumpra algo que os profesionais competentes para tratar o caso policial e xudicialmente respiren fondo e non se deixen levar polas enormes implicacións mediáticas do caso. A min chocoume especialmente que, moi poucas horas despois de realizarse a importantísima descuberta, o Calixtino fose levado en procesión laica ata a Catedral para que o arcebispo Xulián Barrio e o deán Xosé María Díaz identificasen a peza intervida. Normalmente a Policía e os xuíces acostuman facer que os testemuños acudan ás comisarías e aos xulgados para efectuar estes procedementos, pero esta vez o propio xuíz instrutor do caso, o xefe superior de Policía de Galicia e o xefe da Brigada de Investigación do Patrimonio Histórico non dubidaron en seren eles mesmos os que se desprazaron á catedral de Santiago. Sen seren persoas aforadas, os dirixentes da Igrexa Católica aínda siguen impondo moito respecto.
Por certo, toda esta ceremonia realizouse diante das cámaras de televisión e dos fotógrafos de prensa con abondantes tocamentos a algo que, de momento, debería seguir sendo unha peza fundamental da investigación. É de desexar que os que saben disto e teñen competencias sobre a materia fosen enteiramente conscientes do que fixeron. En principio insisto en que me choca o procedemento por algo inusual.
Como me sorprendeu a rapidez anunciada para devolver a peza ao seu lugar de orixe, aínda que agora xa leo en La Voz de Galicia que se vai retrasar esa devolución ata que conclúan as análises precisas de todo o material incautado nos domicilios do principal detido, laboura que se pode prolongar ata a próxima semana. Ben está o que ben acaba –de momento a recuperación do Códice–, pero sería unha mágoa que alguén caese en precipitacións ou en frivolidades que podan entorpecer o caso. Non vaia ser que por poñer o ramo na celebración do primeiro aniversario deste asunto, haxa logo que laiar a comisión de heterodoxias técnicas innecesarias.

3 comentarios:

Perfecto Conde dijo...

La Voz de Galicia está informando de que o 8 de xullo de 2011, ou sexa, tres días despois da sustracción do Códice, un informe interno da Brigada de Seguridade Cidadá xa identificaba ao agora principal detido como posíbel autor do delito.
Haberá que segir estando atentos a como evoluciona o caso.

elemento quixotesco dijo...

Don Perfecto, imaxínese que desaparece O QUIXOTE da sua biblioteca e de todas as bibliotecas do mundo, até o ponto de non quedar memoria escrita do tal libro cervantino. Que lle parecería mais grave, a perda do Códice ou a do Quixote? Ande e móllese.

Perfecto Conde dijo...

Que "desaparecese O Quixote da súa (a miña) biblioteca e de todas as bibilotecas do mundo, até o ponto de non quedar memoria escrita do tal libro cervantino". Non lle parece, amigo comunicante, que plantexa vostede unha hipótese que só podía verificarse nunha circunstancia de hecatombe nuclear masiva, por exemplo? En tal caso, de nada nos ía servir a escolla entre o Códice Calixtino e a obra de Cervantes.
Pero para que fique satisfeito, poñereile un exemplo, que espero que lle sirva. Se me fose a vivir a unha illa da que nunca máis puidese saír e tivese que elixir entre as dúas obras, eu metería no macuto El Quijote. A humidade salina do mar seguramente lle causaba moito máis dano ao Códice ca o famoso electricita. E mesmo máis ca o que estivo a piques de causarlle a neglixencia da Curia compostelana co seu inmenso desleixo en materia de patrimonio.