miércoles, mayo 16, 2012

Hollande xa incumpriu unha das súas promesas


Jean-Marc Ayrault con Martine Aubry

François Hollande, novo presidente de Francia, comenzou o seu mandato incumprindo xa unha das súas promesas electorais (debe ser un vicio que afecta a todos os políticos). “En non terei onda min, no Elíseo, persoas xulgadas e condeadas”, dixo durante a campaña. Pois xa tén unha, e nada menos que o primeiro ministro elixido por el, o ata agora alcalde de Nantes e presidente do grupo socialista da Asamblea Nacional, Jean-Marc Ayrault.
Por que escolleu Hollande a este ex profesor de idioma alemán, de educación e inclinacións persoais xemanófilas, e non a Martine Aubry, alcaldesa de Lille e primeira secretaria do Partido Socialista, por exemplo, á que por certo non lle caeu nada ben a decisión do presidente francés? Por unha soa e moi sinxela razón: Hollande non se fía máis ca dos que lle son fieis dende hai tempo. Quere ao seu carón persoas de absoluta confianza persoal. Neste contexto, Martine Aubry non será nin sequera ministra. “Hollande –dixo ela– fixo unha escolla política non nomeándome a min para Matignon, e eu non ía entrar en non sei que negociación sobre un Ministerio de non sei que”.
Debe ser moita a confianza e ata a devoción persoal que tén François Hollande por Jean-Marc Ayrault para que se expoña a que os seus inimigos políticos lles estean agora quentando as orellas co pasado penal do seu favorito, que efectivamente foi condeado polo delito de favoritismo, no ano 1997, a seis meses de cárcere coa sentencia en suspenso e 4.600 euros de multa.
Daquela Jean-Marc Ayrault era deputado e alcalde de Nantes, e xa presidía o grupo socialista da Asamblea Nacional. O delito cometido foi o de confiarlle a impresión do xornal municipal Nantes passion a un home de negocios próximo ao Partido Socialista, Daniel Nedzela, sospeitoso de financiar ilegalmente o PS local, que tamén foi condeado a tres anos de prisión por tráfico de influenzas.
O caso foi destapado, a mediados dos anos noventa, pola Chambre régionale des comptes des Pays de la Loire cando Ayrault xa levaba máis de cinco anos dirixindo a cidade de Nantes. Nunha carta de observacións sobre o asunto datada o 5 de febreiro de 1995, este organismo denunciou a xestión levada a cabo por unha asociación directamente vencellada ao Concello de Nantes, denominada Office Municipal Nantais d’Information et Comunication (Omnic), que se encargaba de editar e xestionar o xornal Nantes passion. Segundo os maxistrados de finanzas, esta asociación estaba dirixida por Jean-Marc Ayrault e polo seu xefe de Comunicación, o xornalista Henri Duclos, e atoparon nela un mecanismo para “ao amparo dunha vontade de flexibilidade de xestión, zafarse das normas de contabilidade pública”.
Daquela, entre outras anomalías, a Alcaldía que exercía Ayrault confioulle ao impresor Daniel Nedzela todas as publicacións de Omnic entre 1989 e 1994 “sen concurso público nin contrato por escrito” e por un importe de seis millóns de francos. Ademais, tamén lle concederon a Nedzela a xestión da publicidade de Nantes passion otorgándolle unha elevada comisión do 45 por cento, privilexio que representou, segundo a Cámara citada, prácticas que “constituíron unha malversación grave das reglas do código de mercados públicos”.
Dende había anos, a Xustiza sospeitaba que Daniel Nedzela era un dos dos recaudadores de fondos ocultos para o Partido Socialista local. En 1992, o xuíz Renaud Van Ruymbeke investigou a súa empresa e o impresor nantés mesmo foi encarcerado en novembro de 1993 durante varias semanas. Posteriormente, en setembro de 1997, foi condeado por tráfico de influenzas a tres anos de cárcere (seis meses en firme) e 77.000 euros de multa, por facer de intermediario entre as empresas e os concellos socialistas do Oeste de Francia. Nedzela vendía oficialmente prestacións de “asistencia comercial” que lle permitían traficar con informacións confidenciais sobre as ofertas municipais. Sempre permaneceu a dúbida de se unha parte das cuantiosas comisións que recibiu non foron parar á caixa dun partido político.
O agora primeiro ministro francés sorteou aquela condea beneficiándose da “rehabilitación de pleno dereito” que lle concedía lexislación vixente, prevista para cinco anos despois da execución da pena. Polo tanto, Ayrault está plenamente rahabilitado dende decembro do 2007, pero algúns penalistas franceses sosteñen que o seu caso aínda está comprendido no arquivo xudicial máis completo (ao que só teñen acceso os membros da Xustiza). Pola contra, tanto Jeanc-Marc Ayrault como o resto dos dirixentes socialistas franceses manteñen que a condea de 1997 foi “anulada por unha rehabilitación sobrevida no 2007”, e mesmo ameazan con querellarse por “difamación pública” contra os que “transgredan a lei publicamente coa intención de facer dano”.
En resume, que François Hollande –para moitos, entre os que me conto– a esperanza de Europa agora mesmo, está empezando ben se non se lle conta este primeiro incumprimento das súas promesas electorais.

No hay comentarios: