jueves, abril 26, 2012

Estado policial


Con toda a razón, advírtenos Fermín Bouza no seu Voto con botas que “debemos evitar que a crise, ademais de arrasar o Estado de Minibestar que tiñamos, acabe tamén coa democracia e volva a traernos un estado policial”.
Pode parecer algo excesivo quizais, pero a min paréceme que xa andamos nesas. A recente implantación por parte da Generalitat de Catalunya dunha páxina web dos Mossos de Esquadra, na que se convida a cidadanía a practicar a delación, ou determinados xeitos e maneiras de estárense levando a cabo algúns controis securitarios nos arredores de Santiago, por exemplo, por non volver a fixármonos nas intencións retrógradas que andan a mostrar diversos ministros de Rajoy, son feitos que conflúen nunha determinada maneira de reinaugurar o estado policial.
Evidentemente, unha sociedade libre ten o dereito e a obrigación de prever e corrixir as derivas delituais, pero sempre dende a máis esixente prática democrática e o respecto ás persoas en todos os seus dereitos. Poñer na liña do horizonte un regreso ás prácticas superadas doutros tempos, aproveitando que imos de vacas fracas, só é propio de gobernanzas ultraconservadoras que derivan cara a novas formas de ditadura e demagoxia. Máis pronto que tarde, haberá que empezar a poñer na pizarra quen está a favor de volver á noite do pasado e de taparlle a boca e atarlle as mans á liberdade. Policía democrática e eficaz, si. Estado policial, nunca máis.

No hay comentarios: