sábado, octubre 08, 2011

Traca de feira

Resulta chocante que todo un ministro de Xustiza, profesor de Dereito Constitucional, ademais, se exprese como cando no día de onte saiu á palestra para defender a inocencia do ministro de Fomento e número dous do PSOE Xosé Blanco.
Dixo o galego Francisco Camaño que “todos sabemos, y las personas de bien especialmente, que las declaraciones hechas por alguien que ha estado en la cárcel por delitos de falsedad y fraude, es decir, por mentir y por engañar, no merecen credibilidad ninguna, y por lo tanto no voy a ser yo el que vaya a contribuir a difundir si cabe más lo que sólo es un infundio”.
Resulta este un argumento case preocupante cando sae da boca dun profesional do Dereito que agora mesmo lle toca precisamente iso, administrar a Xustiza española. Se levásemos ao máximo a curiosa maneira de interpretar estas cousas, mostrada polo ministro de Xustiza, no lícito e comprensíbel desexo de defender a un compañeiro de Goberno, cabería preguntármonos por que non se aforran tempo, medios e diñeiro nos procedementos xudiciais saltándose á toreria as declaracións de testemuños, acusados, etc. cando estivesen algunha vez no cárcere, con sentencia definitiva ou sen ela, por delitos de falsidade e fraude. Que ande con cuidado o socialista Caamaño, non vai suceder que Feijóo ou Rajoy, que tan preocupados andan por aforrar todo o que sexa, lle collan a palabra e rematen reformando os procedementos xudiciais agora que defintivamente parece que se encamiñan á ocupación de todos os poderes.
Fóra coñas, o que me gustaría escoitarlle ao ministro sería o seu desexo de que a Xustiza afondase no caso Dorribo ata chegar a todas as súas consecuencias, con rigoroso e público escrarecemento e depuración das responsabilidades que poda haber tanto por parte do pintoresco empresario que destapou esta ola de grilos como pola parte de todos e de cada un dos políticos e demais persoas que podan resultar implicados. Facer política de avestruz ou tirar só contra o mensaxeiro, como fixo o ministro de Xustiza, non é máis ca unha traca de feira pouco respectábel.

2 comentarios:

Gaspesien dijo...

Gústame Caamaño, é un home do País e compórtase como tal. Vale para Presi.

Anónimo dijo...

Caamaño Domínguez, Hombre Bonachón, como Mariano Fernández Bermejo......