martes, octubre 04, 2011

Dorribo implica a políticos do PSOE, BNG e PP

De imprescindíbel lectura todo o que hoxe publica o xornal madrileño El Mundo sobre as confesións que fixo o empresario lugués Xurxo Dorribo dicindo que lles pagou 950.000 euros a tres importantes políticos do PSOE, do BNG e do PP, a cambio de recibir axudas do Ministerio de Economía e da Xunta de Galicia e un crédito do Banco Europeo de Inversións por un total de 5,6 millóns de euros.
Dorribo fixo estas declaracións diante da titular do Xulgado de Instrucción número 3 de Lugo, Estela San José, o pasado 8 de agosto, dicindo que coñeceu ao actual ministro de Fomento, Xosé Blanco, a instancias do seu socio Xosé Antón Orozco, vicepresidente e un dos principais accionistas da empresa de transportes Azca. Logo de que Orozco lle dixera que Blanco quería coñecelo pesoalmente, Dorribo convertiuse nun dos principais impulsores da conecesión da insignia de ouro da Confederación de Empresarios de Lugo ao ministro de Fomento, a carón do que aparece nunha fotografía da cea na que lle foi entregada a condecoración en Lugo, o 16 de abril de 2010.
Segundo Dorribo, o ministro e número dous do PSOE fixo xestións no Ministerio de Facenda para que a Dirección de Axudas Rexionais subvencionase con 467.267 euros as súas empresas, e tamén utilizou as súas influenzas no Ministerio de Sanidade para que lle acelerasen a Dorribo os permisos administrativos para comercializar produtos farmecéuticos coñecidos como unidosis.
Daquela e sempre segundo declara Dorribo no Xulgado, Xosé Blanco díxolle ao empresario lugués, que foi detido pola Xustiza, que debía contratar os servicios das empresas Proitec, unha compañía que se dedica á consultoría, e Electricidad Espiñeira y Bran, que é propiedade de Manuel Bran, primo político do ministro socialista. Dorribo di que lle pagou a Bran 200.000 euros en metálico e que lle concedeu contratos inchados por valor de outros 200.000 euros. En total, 400.000 euros.
Ademais, Xurxo Dorribo declarou que lle pagou en metálico 350.000 euros ao dirixente do BNG Fernando Blanco, que foi conselleiro de Industria no bipartito que presidiu Emilio Pérez Touriño, e que lle deu participación nos seus negocios a través de Xoán Bazarra, un suposto testaferro do político nacionalista lugués. Durante o goberno de coalición PSOE-BNG, Dorribo recibiu axudas por importe de 1,5 millóns de euros a través do Igape.
E, para que esta bonita danza de implicacións políticas fose aínda máis completa, Dorribo tamén declarou que lle pagou 200.000 euros ao deputado galego do PP Pablo Cobián por levar a cabo xestións na Xunta ao seu favor, ademais de patrocinar carreiras de coches dun fillo do deputado conservador.
De momento, o único que se deu presa en desmentir as acusacións é o socialista Xosé Blanco, que anunciou accións xudiciais para escrarecer a verdade e defender a súa honra. Tanto de ser certo todo o que manifestou Dorribo diante da xuíza luguesa como no caso contrario, o asunto merce sen dúbida unha posta en claro total diante da opinión pública. É demasiado grave todo o que aquí se coce como para que remate sendo un simple mal exemplo de liorta político-empresarial a poucas semanas das próximas e importamtísimas eleccións xerais.

No hay comentarios: