sábado, marzo 19, 2011

A guerra de Sarkozy e Bernard-Henri Lévy contra Gaddafi

Cóntaa Renaud Girard hoxe no xornal francés Le FigaroÉ unha guerra ideada entre o filósofo da beautiful parisina, Bernard-Henry Lévy, e o presidente de Francia, Nicolas Sarkozy, ata que conseguiron por en marcha a intervención militar internacional sobre Libia. Se cadra, por iso Angela Merkel se mostrou reticente e non disposta a mandar tropas alemás a combater contra Gaddafi.

Lévy chegou ao Cairo nos derradeiros días de febreiro, cando xa todo o xornalismo de calquera parte do mundo contara e recontara a revolta exipcia. Ía facer unha reportaxe para o xornal Libération, a cuxa cúpula directiva pertenece, pero chegou cando Mubarak xa fora botado do poder. No Cairo recibiu as primeiras novas sobre o que empezaba a pasar en Libia, pero regresou a París, onde pasaron catro días ata que dirixiu os seus pasos á parte oriental de Libia que acababan de liberar os rebeldes que se ergueron contra Gaddafi.
Para trasladarse a Tobrouk dende a fronteira de Exipto, acompañado polo seu “fidel” Gilles Herzog, como non atopou un taxi que o levase, tivo que montar na camioneta dun vendedor ambulante de legumes. Ao chegar a Bengahzi instalouse no hotel Tibesti, sobre a Corniche, onde o ir e vir dos xornalistas lembroulle os días pasados hai tempo no Holiday Inn de Sarajevo. Segundo conta Girard, “sobrepasado polos tenores das grandes televisións angosaxoas, Bernard-Henry Lévy non foi máis ca un terceiro coitelo no medio do gran circo mediático que cubre a insurrección das tribus do este de Libia”.
Porén, o 4 de marzo o “dandy” da filosofía francesa logrou meter a baza que lle permitiu pasar de reporteiro de guerra afeccionado a gran actor da diplomacia mundial. Ese día, pola tarde, a costa de ir e vir pola Corniche, diante do edificio do Tribunal Supremo, convertido en sede improvisada do cuartel xeral do Consello Nacional de Transición (CNT), Lévy conseguiu que o levaran á casa de Moustapha Abdeljalil, antiguo ministro de Xustiza de Gaddafi e agora xefe político da rebelión. Faille unha entrevista exclusiva, e pasa a practicar con el a diplomacia francesa paralela e segreda. Ao xefe da nova Libia e aos seus conselleiros dilles que son o sal da terra e que o mundo enteiro está pendente deles.  Bernard-Henri Lévy convídaos a visitar Francia e prométlles que fará todo o posíbel para levalos ao Elíseo.
Para materializar esta promesa bota man do seu teléfono satelital e chama a Sarkozy a París. Chántalle a pregunta directamente: "Estarías disposto a recibir os Massoud libios?". O presidente francés dille inmediatamente que si, e ás dez da mañá do xoves 10 de marzo recibe ao filósofo e a tres emisarios do Consello Nacional de Transición. Sarkozy está acompañado polo conselleiro diplomático Jean-David Lévite e polo conselleiro especial Henri Guaino. Este último, no ano 2007, tratou a Bernard-Henri Lévy de “pequeno payaso pretencioso”.
Sarkozy anuncialles aos emsiarios libios o plan que trazou o día anterior con Lévy: recoñecemento do Consello Nacional de Transición como único reprsentante lexítimo de Libia, envío dun embaixador de Francia a Benghazi, ataques escolliidos contra os aeroportos militares do país, e todo coa bendición da Liga Árabe. Dúas horas despois, cando xa os libios anunciaran a boa noticia aos medios de comunicaciçon do mundo enteiro, o ministro de Asuntos Exteriores de Francia, Alain Juppé, aterriza en Bruxelas. Os xornalistas pregúntanlle polo asunto, pero el fica coa boca aberta porque non sabe absolutamente nada. Sarkozy, cando lle dá a gana, fai así a política exterior.
Paralelamente, Gaddafi vai gañando terreo en Libia. O 15 de marzo, o emisario libio Mahmoud Jebril entrevístase coa secretaria de Estado de Estados Unidos no hotel Westin de París. Non se entenden. O home de Benghazi decátase de que Washington no quere unha intervención militar en Libia.
É cando Bernard-Henri Lévy decide presionar máis aínda sobre Sarkozy declarando pola radio que, se Gaddafi toma Benghazi, a enorme bandeira francesa que ondea sobre a Corniche será literalmente manchada polo sangue dos libios masacrados. A imaxe non é calquera cousa, e as dúas da tarde Sarkozy chama a Bernard-Henri Lévy para dicirlle que tomou unha decisión. O presidente francés envía a Alain Juppé a Nova York e chama el mesmo, un a un, aos presidentes e xefes de goberno dos 15 países membros do Cosello de Seguridade da ONU. Puntualmente, Sarkozy anunciarialle ao seu “ministro bis” Lévy que a resolución foi votada.

As cousas foron, máis ou menos, así. Agora veremos como saen. En Francia goberna un presidente autoritario ao que non lle pareceu nada ben que un fillo de Gaddafi lle chamase pallaso e lle dixese que fose devolvendo os cartos que lle deu o clan do dictador libio para a súa acampaña electoral. Foron avións e militares franceses os primeiros en disparar contra Gaddafi, e algo debe significar isto. En fin, que as guerras, como a vida mesma, ás veces, son así de persoais.

1 comentario:

adaxe dijo...

O de vostede preocúpame moito, don Perfeuto. Sei que desde fai mais dun mes, vostede xa ten mercados o pasaxes a Trapani, en Sicilia, onde, como todo o mundo sabe, está unha das bases mititares maís estratéxicas neste conflito.
Vostede anda dicindo por ahí que vai visitar os escenarios da mafia, pesquisando, como o comisario Enzo Montalbano, entre fetuccini e gnoquis, reposados cun postreiro viño de Marsala, que queda alí perto.
Pero vostede a min no me engana, eu sei que no Instrumento están a pasar cousas.
Ainda antes de iniciarse o asunto, moito antes de que a ONU se puxera dacordo para iniciar o ataque, vostede xa se estaba organizando.
Quizáis desde o instrumento están a baraxarse e planificarse as solucións que han de darse os problemas do Mediterráneo.