jueves, agosto 12, 2010

A ditadura do tiraliñas

Ía sendo hora de que alguén escribise un artigo como a Elegía que publica hoxe Ramón Reboiras en El País. Galicia, como di o autor citado, xa hai polo menos catro décadas que emprendeu ese camiño sen retorno de despedir unha ancestral cultura agraria para dar paso a esa modernidade que aquí chegou nos tempos da postmodernidade ou, mellor dito, cando tocaba xa a fin da historia... O burro, o carro, o arado, os montes de mimosas, as mazás polo chan, o feo no palleiro, a milleira ou a vendima, o pan de millo, o corno do pescadeiro ou as herbas de San Xoán “son só un aroma turístico que desprende ese antronte que nin por todos os demos podía anticipar que un día de agosto abririamos a ventá e veriamos montes convertidos nun parque eólico e a memoria da infancia nun parque xurásico”.
Reboiras pon o dedo na chaga cando sinala que xa non serve para nada “calquera empeño en parar esta hemorraxia de comunicacións e redes que deixou as parroquias idílicas de antronte feitas un remendo de chalets suízos e cans de defensa, rapaces que participan en carreiras clandestinas polas vellas corredoriras e xubilados que deixaron a monte as pequenas leiras familiares”. O que aínda non puideron destruír os incendios lévao por diante a alta velocidade, con Pepiño Blanco exercendo de gran sacerdote do buldózer e deixándolles exercer aos enxeñeiros de camiños a ditadura do tiraliñas, a impostura estética dos construtores de pontes, a patraña ideolóxica deses gobernantes olímpicos que parecen medir a súa traxectoria nos asentos do poder en relación á cantidade de orzamento destinado a esa velocidade (Reboiras dixit).
Algún día, a todos eses impostores da apocalipse postmoderna haberá que colgalos polos pés das pontes que constrúen para que, cabeza abaixo, recapaciten sobre o seu desbocado frenesí destrutor da natureza. De momento, propoño que deixen de chamarse enxeñeiros de camiños e que pasen a denominarse polo que son, vulgares tiraliñas contra a paisaxe e o humanismo. E a Pepiño Blanco que o manden ver touradas (con Agustín Hernández) e que lle asubíen como lle asubiaron o outro día en Pontevedra.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

E non falemos das nosas Rías, feitas unhas esterqueiras. Mamotretos construidos ao pé do mar e uns fondos mariños que cando votas a áncora preto da illa de Rúa e a subes, tes que escapar de proa polo fedor a podre dos fangos.Xa fai tempo que na Ría de Arousa desapareceu o "trancho" . Coido que fai máis dunha década que non teño a posibilidade de facer unha fritidura deses peixes.
Aínda bo é que nos queda EEUU para que os nosos nenos enchan o bandullo con MacDonals. Cando xa non teñamos nin cunchas de ameixa, os nosos futuros descendentes as cunchas serán un recordo para colecionistas.

Anónimo dijo...

Agora vas ben, don Perfeuto, levabas un tempo pasmado. Que o teñas disfrutado. O futuro semella moi triste.

Anónimo dijo...

Non vos falta razón a ningún dos dous.Pero cómo parar esto?Qué xiro darlle?para non perdela esencia.