sábado, junio 19, 2010

Porcalladas do fútbol

Nunca entenderei o deprimente espectáculo que presentan certas manifesta-
cións do fútbol comercial dos nosos tempos, con figuras perversamente pagadas a prezos de diamante e comportamentos públicos e privados fóra de calquera mínimo moral. O último exemplo acaba de dalo o xogador da selección francesa no Mundial de Sudáfrica Nicolas Anelka, espetándolle na cara ao seu entrenador, Raymond Domenech, a seguinte frase insultante: “Va te faire enculer, sale fils de pute!” (Que che dean polo cú, porco fillo de puta).
Acaba de contalo o xornal deportivo francés L’Equipe na súa primeira páxina. Pola metade do partido que perdeu Francia (0-2) contra México, Domenech aínda non pensa en reemprazar a Anelka senón en obrigalo a que permaneza máis na punta. O xogador rebótase e o entrenador toma sobre a marcha a decisión de substituílo. “Ok, ti vas para fóra”, dille. E daquela Anelka prántalle cara a Domenech e dille. “Va te la faire enculer, sale fils de pute!”. Inmediatamente, foi reemprazado por André-Pierre Gignac para xogar no segundo tempo.
Christian Teinturier, vicepresidente da Federación Francesa de Fútbol, xa dixo que Anelka “debería ser expulsado de inmediato ou excusarse, e non podía reaparecer como se nada coa camiseta do equipo de Francia”. Michel Hidalgo, ex entrenador da selección francesa, tamén se pronunciou radicalmente: “O insulto de Anelka é desprezábel. Nunca máis debe poñer a camiseta do equipo de Francia. Na miña opinión, non o levará nunca máis. As súas manifestacións son consternadoras”.
O dito, que no fútbol millonario hai demasiados merdáns que desprezan as máis elementais regras da convivencia. Ananos mentais caprichosos que pensan que son os reis do mambo. O caso de Anelka, desgrazadamente, non é único. Vaia exemplo para os millóns de persoas que seguen o fútbol en todo o mundo.

No hay comentarios: