miércoles, mayo 26, 2010

Eu atendendo o meu amigo

Houbo unha vez –hai moitos séculos– un xograr que se chama Meendiño que, cando lle quixo escribir versos de amor ao seu amado(a), utilizou o idioma galego para transmitir os seus sentimentos. “Eu atendendo o meu amigo…”. Houbo outra vez un rei sabio –dos que non hai agora– que lle quixo rezar a Santa María en forma de cantigas e tamén se serviu do galego.
Houbo logo outros reis e outros autarcas que non sabían escribir nin sequera lles gustaba a poesía e que ata mandaron domar e castrar o reino de Galicia. E houbo un ditador, que por riba naceu en Ferrol, que prohibíu blasfemar e falar galego coma quen manda que non se cuspa no chan.
Hai agora un presidente da Xunta e un goberno autónomo que pensan que o idioma de Alfonso X O Sabio, de Curros,  de Rosalía, de Celso Emilio, de Otero Pedrayo, de Álvaro Cunqueiro e de Manuel Rivas –e ata o meu propio– hai que mandalo ao “desván de los monjes”. Pois non. Se nin Isabel nin Fernando, nin Franco nin a Garda Civil conseguiron nunca cosernos a boca aos que temos un idioma máis antigo co castelán, xa poden ir desistindo os da escola de Chicago e os seus compinches, que non han movernos de lingua. Nin eles nin os que viven de levarlles a contraria a eles. O galego gardáronolo os labregos – os nosos descamisados– e agora habémolo seguir gardando os que non queremos sermos escravos, os que aínda oímos “le vol noir des corbeaux sur nos plaines”. Esa é a cuestión. O resto son boludeces.

1 comentario:

Theo dijo...

Estes de agora non respetan a nin dios, Se non respetan aos seus avós, como ían respetar a Curros ou Paio Gómez de Soutomaior (Chariño).
Xamais pensei que ao morrer o ditador de Ferrol, íamos ter uns personaxes antigalegos. Xamais pasóuseme pola testa. Isto é de tolos e de sinvergoñas.
Teño 64 anos, se levantara cabeza o meu avó, collía a escopeta e andaba a tiros con toos eles. Mala chispa os coma.