lunes, mayo 03, 2010

Caso Charles Pasqua: varas de medir

Charles Pasqua, antiguo ministro de Interior baixo as presidencias de François Mitterand e Jacques Chirac, non terá que cumprir a recente sentenza que lle impuxo a Cour de justice de la République, condenándoo a un ano de prisión por malversación de fondos en prexuízo da Sociedade Francesa de Exportación de Materiais, Sistemas e Servizos (Sofremi), debido á súa “idade e ao pasado ao servizo de Francia”.
Non é a primeira vez que este ex alto mandatario francés foi xulgado por actuacións relacionadas cos cargos públicos que ocupou. Asuntos como os de GE-Alstom Transport, o Casino de Annemasse, a compañía Elf, a Fundación Hamon ou actividades relacionadas con intercambio de petróleo e alimentos xa lle ocasionaron anteriores comparecencias diante dos tribunais de Xustiza do seu país e algunha condena.
Agora, a Cour de Justice de la République, un tribunal de excepción que foi creado en 1993 para xulgar os crimes e os delitos cometidos por membros do goberno no exercicio das súas funcións, condenouno hai tres días a unha pena de un ano de prisión condicional, pero rapidamente estabreceu que que non deberá cumprila por ter 83 anos e polo seu “pasado ao servizo de Francia”.
Non serei eu quen se elegre nunca de que alguén teña que entrar na cadea, e considero tamén que as razóns de idade deben ser tidas en conta na aplicación do cumprimento das penas, pero o que non entendo demasiado ben é que se considere o pasado de Pasqua “ao servizo de Francia” como un ad libitum xudicial para aplicar a súa sentenza. Non sería máis xusto, precisamente, proceder pola contra? Non deberían as persoas que exercen cargos públicos daren exemplo no cumprimento da lexislación e da moral públicas? Por que premialos, logo, cando se demostra que cometeron delito? Charles Pasqua é, ademais, un reincidente.
Quizais o caso é un dos máis sintomáticos dos que poden derivarse da “interpretación” que o poder xudicial pode dar á aplicación da Xustiza. E ata pode que as súas ondas rematen chegando ao proceloso océano no que se bañan actualmente algúns importantes casos esapañois. Seguramente, nin en Francia nin en España nin en calquera outro sitio, a ningún tribunal se lle vai ocorrer librar do cumprimento dunha pena a un cidadán do montón por ter prestado servizos ao seu país. E non cumpren eses servizos Pepe o albanel, Manolo o carpinteiro ou Xan o ferrallista?
A min o caso dame que pensar e lévame ao sempre espiñento e eterno debate das varas de medir.

No hay comentarios: