sábado, marzo 20, 2010

Orwell no Carrefour

Non é por nada, pero ser bombeiro e catalán parece algo gafe. O que lles pasou a eses cinco rapaces que viaxaron ás cercanías de París para pasar unhas felices vacacións escalando no bosque de Fontainebleau, foi unha aventura que puido rematar en pesadelo. En realidade, máis que escaladores de grandes picos, como lle gustaba facer a Jordi Pujol, deben ser perseguidores do romanticismo literario clásico. En vez de iren acometer o Mont Blanc ou polo menos El Canigot, a montaña máxica de Cataluña, para min que lles deu por buscaren a educación sentimental de Gustave Flaubert facendo cordadas en Fontainebleau, pero o malo foi que se lles cruzou na aventura a estúpida cámara de video dun vulgar supermercado de barriada que estivo a piques de foderlles a marrana. En vez de atopárense con Frédéric Moreau ou con Madame Arnoux paseando en calesa polo histórico bosque parisino, os bombeiros deron de bruces coa imaxinación desimaxinada dun sistema policial que non se para a pensar se falta algún céntimo para que dous máis 1,98 sexan catro.
Aínda tiveron sorte. Son bombeiros. A Generalitat respondeu por eles rapidamente. Se cadra, noutras circunstancias, estes cinco mozos podían pasar de escalar outeiros en Fontainebleau a formar parte dalgunha recreación actual do mundo de Kafka. É o que ten a tecnoloxía moderna ao servizo da destrucción do individual. Unha Sony ou unha JVC non disntinguen se un é etarra ou simple escalador romántico de montañas máxicas, e se se equivocan os que teñen que interpretar as imaxes pode acontecer calquera cousa. Aínha ha haber que viaxar a Francia cun certificado de boa conducta colgado nos dentes cando se pase por diante dunha cámara, que xa é en case todos os sitios. O mundo de Kafka non, é o de Orwell.

No hay comentarios: