martes, febrero 02, 2010

Walter Haubrich

Os tempos mudan, e as persoas máis aínda. Informa Vieiros de que o xornal alemán con máis influencia no estranxeiro, Frankfurter Allgemeine Zeitung, publicou o dominmgo pasado unha reportaxe de Leo Wieland chamándolles “nacionalistas radicais” aos galegos que se manifestaron contra o decreto lingüístico de Feijóo e falando das “ameazas” do nacionalismo en Cataluña. Curiosamente, este prestixioso xornal alemán tivo, dende o ano 1968, de correspondente en España a un dos mellores periodistas europeos, enormemente amante de Galicia e da cultura galega, o renano Walter Haubrich.
Haubrich, nacido en 1935, licenciado en linguas románicas e literatura hispánica, empezou a coñecer España cando foi enviado polo servizo alemán de intercambio académico ás universidades de Santiago e Valladolid. A partir de aquela esperiencia, convertiuse en corresponde do Freankfurter para España, Portugal e o norte de África. Sempre tivo bos amigos en Galicia –Xosé Manuel Beiras, entre eles– e non perdeu as ocasións de frecuentar a cultura galega. Aínda que viaxaba constantemente e pasaba temporadas longas en Arxentina, Brasil, Bolivia, México, Cuba, Perú e Chile –país onde atendeu xornalísticamente o golpe de Estado perpetrado por Pinochet contra Allende–, Walter Haubrich onde pasou máis tempo foi en Madrid, cidade que rematou facéndoa súa e onde presidiu o Club Internacional de Prensa e foi decano dos xornalistas estranxeiros en España.
Durante catro décadas, informou competentemente e analizou os problemas de España dende perspectivas e enfoques progresistas que lle valeron o prestigio, a admiración e o respecto dunha parte moi importante da sociedade española. Publicou libros sobre España e infinidade de artigos non só no Frankfurter senón tamén noutros medios. Walter Haubrich nunca escribiría nin pronunciaria as badocadas que acaba de publicar Leo Wieland.

No hay comentarios: