martes, febrero 23, 2010

Eppur si muove

Está a haber algún cambio nos postos de mando de varios xornais galegos. Miguel Barros abandona a presidencia do Consello de Administración de A Nosa Terra para ser conselleiro delegado da empresa editora de Xornal de Galicia, posto no que despraza a Miguel Ánxel Souto, que só durou oito meses no periódico de Xacinto Rey. Por outra banda, a xornalista Carme Merelas é a nova directora do xornal coruñés La Opinión, cargo no que substitúe a Francisco Orsini, que se vai de director de Opinión dos xornais de Prensa Ibérica en Canarias (La Provincia e La Opinión de Tenerife).
O paso de Souto por Xornal de Galicia case durou menos do que está durando o mal tempo. A pesar dos fortes apoios cos que contou a súa chegada dende a cúpula da empresa, a este xornalista procedente de La Voz de Galicia resultoulle imposíbel encaixar nunha publicación que está moi lonxe da súa configuración profesional. Xosé Luís Gómez, director e accionista do periódico, gañoulle a guerra por goleada e a Souto non lle quedou máis remedio que tirar a toalla. Con Miguel Barros Xornal de Galicia vai seguir tentando estabrecerse definitivamente como o xornal galeguista e progresista que non había en Galicia. Barros é un galeguista e socialista convencido, admirador empedernido do espírito e da filosofía de Ramón Piñeiro, ao que lle dedicou a primera tese doctoral que se fai sobre el, e un político que sempre se esforzou por entender o nacionalismo galego e por ter boas relacións cos seus representantes. Resulta claro que, se Miguel Ánxel Souto viña a ser algo así como un polbo nun garaxe na alta dirección de Xornal de Galicia, Miguel Barros parece un dirixente feito á medida exacta do cargo que vai exercer.
O problema é saber que vai pasar co semanario que abandona. No tempo en que el presidiu a súa empresa editora, A Nosa Terra non conseguiu avanzar case nada no mercado galego da prensa. A esta publicación marcada polo seu carácter histórico nacionalista non parece terlle sentado demasiado ben o aggiornamento moderado ao que foi sometida nesta última etapa. Controlada dende hai varios anos, igual co Xornal, polo empresario Xacinto Rey (Grupo Sanjosé), a publicación na que escribiron Castelao e a maior parte das grandes figuras do galeguismo e do nacionalismo, agora mesmo só é unha revista light que non marca nin a sombra do que foi nos seus momentos históricos. Alfonso Eiré, antiguo director e ata agora conselleiro delegado, asumirá a presidencia que deixa Barros e non é descartábel unha radicalización dos contidos e da orientación do semanario que, na súa etapa actual, sempre se mostrou moi próximo ao BNG.
No que respecta ao xornal La Opinión, probabelmente Prensa Ibérica non podía acertar mellor cando escolleu a Carme Merelas para substituír a Orsini, o home que dirixiu este periódico dende a súa fundación no ano 2000. Merelas é unha excelente xornalista que xunta aos seus méritos porfesionais, que son do melloriño que hai en Galicia, a condición de ser a primeira muller que accede á dirección dunha publicación diaria galega. En fin, que tanto nun caso como no outro, parece que algo se está movendo para ben no sempre conservador mundo da prensa galega.

No hay comentarios: