lunes, diciembre 14, 2009

Il Quarto Stato de Aminetu Haidar


Non sei quen lle regalaría a Aminetu Haidar a peza de Sargadelos que aparece na foto de France Presse que publicou onte El País. Fose quen fose, acertou porque hai na loitadora saharauí unha certa luz do famoso cadro que pintou o italiano Giuseppe Pelliza da Volpedo para ensalzar o proletariado que empezaba a xurdir en plena revolución industrial de finais do século XIX, partindo do éxodo do campesiñado ás cidades.
Il Quarto Stato, título da obra pictórica citada, inspiroulle a Bernardo Bertolucci a famosa secuencia da súa película Novecento que deu a volta ao mundo e que rematou sendo, convertida en foto fixa, unha das iconas do inconformismo internacional da miña xeneración. Para facer aquela gran película, en realidade, Bertolucci utilizou un guión moi simple. En 1900, nunha finca do norte de Italia, nacen no mesmo día o fillo dun terratenente e o dun xornaleiro. A película vai seguindo as súas vidas e as das súas familias, especialmente no que se relaciona coas súas actitudes fronte ao fascimso. O burgués colabora pasivamente con ese movemento político e o traballador convértese nun partisano que loita contra o fascismo.
Cando Sargadelos aínda era unha potente empresa cultural galega, que dirixía Isaac Díaz Pardo, dos fornos de Cervo saíu a figura que agora acompaña a Aminetu Haidar na folga de fame na que hoxe cumpre 29 días. Precisamente no día en que o ministro español de exteriores, Miguel Ángel Moratinos, viaxa a Washington para reunirse con Hillary Clinton e pedrille que incremente a presión sobre Marrocos con vistas a resolver o problema que planteza Haidar coa sua folga de fame.

No hay comentarios: