lunes, octubre 26, 2009

Cinismo político

Francamente estamos chegando a un nivel de cinismo político na práctica diaria dos grandes partidos que pode rematar dando noxo. Case aínda non chegara a Lugo a Policía, levando preso o alcalde de Castro de Rei, cando xa estaban no PPdeG emitindo e difundindo un comunicado pedíndolles a Ricardo Varela e a Manuel Vázquez, secretario de organización e secretario xeral do PSdeG-PSOE, explicacións “por colocar na executiva do PSOE de Lugo a un alcalde sospeitoso de prevaricación e tráfico de influencias”.
Se no PP sabían que Xoán Xosé Díaz Valiño estaba cometendo o delito de prevaricación ¿por que non o denunciaron? E, se como parece, só sabían del o que agora sabemos todos, é dicir, a súa detención, xunto a outros tres membros da Corporación que preside por presunta comisión de prevaricación e tráfico de influencias, ¿non lles cadraría mellor que respectasen, alomenos por unhas horas, a presunción de inocencia?
Sorprende tanta rapidez pedindo axuste de contas por parte dun partido político que anda para atrás, como o cangrexo, cando se trata de pronunciarse e de actuar no canto do que lle pasa na súa propia interna. Aí está o caso Gürtel e todo o seu escandaloso desenvolvemento no que lles toca a Mariano Rajoy, a Núñez Feijóo e á maioría dos dirixentes conservadores.
Dise que a curiosidade remata perdendo a vida de moitos gatos. A incontinencia verbal e a imprudencia moral pode por en perigo a credibilidade dun PP que, tirando dun fío que aínda non está desanobelado, mostra a arrogancia impertinente de manifestar que “o líder do PSOE de Lugo está demostrando que tipo de políticos ten no se equipo ao nomear responsable de política municipal a unha persoa hoxe detida pola policía” , tirando do caso a conclusión de que “Varela está dando probas de que tipo de prácticas políticas teñen cabida no seu equipo” e considerando que “está claro que quere rodearse de persoas cunha moralidade de xestión pública á mesma altura da que el demostrou cando (era) conselleiro de Traballo na Xunta”.
Se non fose porque o comunicado do PP chega aos medios debidamente autentificado, compriría dubidar da súa procedencia. A primeira vista, podería parecer un libelo emitido por calquera organización extremista das que xa, felizmente, case non existen. A linguaxe e a descarada inmoralidade do seu contido fan que este panfleto mereza ingresar para sempre no panteón da incoherencia política.

Premer sobre na ilustración para ler o comunicado enteiro.

No hay comentarios: