martes, agosto 18, 2009

Incendios e realidade oficial

Tivo que haber un incendio de grandes propor-
cións e ocorrido arredor dunha vía de comunica-
ción de moita densidade (a autovía A-52) para que a Xunta tomase a decisión de volver a informar sobre os efectos do lume nos montes de Galicia. Onte, a Consellería de Medio Rural emitiu varias notas informativas oficiais e nunha delas ata daba conta da correspondencia entre hectáreas e quilómetros cadrados. “…o incendio iniciado esta tarde no Concello de Vilardevós, en Ourense, acadaría unha afectación próxima ás 167 hectáreas, o que corresponde a 1.67 quilómetros cadrados”, expresaba esa nota como se xornalistas e lectores fósemos todos analfabetos en agrimensura.
Tanta meticulosidade non se correpondía, porén, coa exactitude de algunhas valoracións que se facían na citada nota, na que se dicía, entre outras cousas, que “en ningún momento correu perigo ningún núcleo habitado”. En contra disto, lese hoxe en La Región que as “chamas ameazaron o pobo de Osoño, no concello de Vilardevós, durante varias horas da tarde de onte” e “unha boa parte dos veciños fíxolle fronte ás chamas coas súas propias mangueiras, para evitar que o lume levase por diante a vella casa rectoral”.
O citado xornal ourensán indica que as chamas “a penas se quedaron a cen metros nunha das acometidas do lume”, información que recolle do alcalde de Vilardevós, Xosé Luís Pérez, que tamén explica que “a vella rectoral, de feito, estivo cercada polas chamas e foron os veciños e as súas mangueiras os que a salvaron”. Segundo a citada autoridade local, en Vilardevós “vivíronse auténticos instantes de medo”.
Se a Consellería de Medio Rural fose fiel, como pregona, “ao seu compromiso de dar información cumprida e rápida dos lumes de certa entidade”, quizais debería contar algo tamén do que pensan os veciños de Vilardevós e o seu propio alcalde. Máis que editoriais autocomplacentes, o seu servizo de prensa debería emitir comunicados informativos que tentasen acomodar a realidade oficial co que pasa realmente nos incendios.

2 comentarios:

David Paz Nóvoa dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
David Paz Nóvoa dijo...

A política desinformativa da Xunta é unha vergonza para unha sociedade que se pense moderna. Así está claro que xamais se poderá repetir a desfeita do verán do 2006, cando o noso presidente cordial saía de bombeiro maior coa súa camisa de tomijilfiguer alentado polo seu xefe normal desde lonxe nunha imaxe que non podemos borrar (nós non) da memoria.