viernes, julio 24, 2009

A fenda de Galicia


Hoxe avanza La Voz de Galicia que mañá empeza-
rá a publicar os resultados dunha sondaxe na que se interpreta que “o PP abre unha fenda de 15 puntos en intención de voto sobre PSOE e BNG”. Se isto responde verdadeiramente á realidade, habería que ir pensando en que nos pasa algo preocupante que debería ser tratado de imediato polos “menciñeiros” sociolóxicos.


Asegura o xornal de Santiago Rey que a enquisa levada a cabo por Sondaxe, que se publicará o sábado e o domingo, reflicte que o 36 por cento dos galegos declaran que votarán polo PP nas próximas eleccións autonómicas, resultado que situaría o partido de Núñez Feijóo 22 puntos por riba dos socialistas (14,4 por cento) e a 29 puntos de vantaxe respecto aos nacionalistas (6,9 por cento). O propio xornal sinala que “estes resultados contrastan co desenlace dos comicios do 1 de marzo, cando a pesar de perderen a maioría absoluta socialistas e nacionalistas rebasaron en 34 décimas o PP”.
A primeira sondaxe que se leva acabo dende que cambiou o Goberno tamén revela que o PP sería o máis favorecido polo trasvase de votos, conseguindo o 16 por cento dos abstencionistas do 1-M, o 6,5 por cento dos que votaron en branco, o 5,1 dos que apoiaron o PSOE e o 4,9 por cento dos que votaron BNG. O 84,6 por cento dos que votaron polo PP manteñen a mesma intención de voto, fidelidade que lles baixa aos socialistas ata ficar no 62,4 por cento e que se desmorona no voto nacionalista ata o 59,3 por cento. O 19,3 por cento dos que votaron socialista e o 13,6 por cento dos que apoiaron o nacionalismo manifestan agora que non saben se votarán nas próximas autonómicas ou que ignoran a que partido lle darán o seu voto. Oito de cada dez consultados din que, de saberen de antemán os resultados, votarían polo mesmo partido que votaron o 1 de marzo. O 8,6 por cento dos votantes do Bloque manifestan que votarían de distinta maneira.
Con todo o que está a chover enriba de nós, e non o digo polo clima, que tamén, senón pola guerra do idioma, as ameazas ao territorio e o medioambiente, etc., etc., que a inmensa maioría dos que vivimos para acó do Telón de Grelos (dos que parecen dispostos a ir ás urnas, que vaia abstención prevista) anden pensando que o que nos acae é o que di a enquisa de La Voz de Galicia podería ter “memoles”, como diría un asturiano. Se fose verdade, andariamos cerca de precisarmos unha rápida asistencia psiquiátrica.
E, como tan tolos aínda non me parece a min que andemos, haberá que ir empezando a por en solfa todo este invento das enquisas, sondaxes e outras vainas de interesada socioloxía de quiosco. Os franceses, máis cartesianos ca nós, xa o fixeron. A súa Cour de Comptes, equivalente ao noso Consello de Contas, mellor dito, ao tribunal de Contas do Estado, alertou o pasado 16 de xullo sobre a política de encargos de sondaxes de opinión preguntando, sobre todo, por un contrato que se firmou en xuño do 2007 con un gabinete de enquisas que lle encargou logo ao instituto de sondaxes e de estudios OpinionWay varias enquisas por importe de 1,5 millóns de euros. Sondaxes que foron pagadas polo Estado francés e que, porén, os seus resultados tamén foron publicados polo xornal Le Figaro e por LCI-TF1.
A presidencia de Sarkozy tamén pagou 392.288 euros por sodaxes realizadas cada dúas semanas cando estas enquisas estaban disponíbeis nos dous medios de comunicación citados. “Os informes facturados ao Elysée estaban totalmente disponíbeis en liña de forma gratuíta”, declarou o maxistrado da Cour des Comptes Yves Rolland, segundo publicou Le Monde. Quince dos 35 estudios que foron pagados pola Presidencia foron igualmente publicados pola prensa, o que leva a “por en dúbida o interese de tales encargos”, segundo Philippe Séguin, presidente da Cour de Comptes.
Boa parte destes encargos foron feitos a Publifact, propiedade de Philippe Buisson, director da Cadea Historia (grupo TF1) e conselleiro de Sarkozy durante a campaña presidencial. A Cour de Comptes salientou que o contrato con Publifact levouse a cabo sen a concurrencia pública que lle era obrigatoria e xenerou 130 facturas no 2008, aparte dos honorarios mensuais fixos de 10.000 euros asignados ao gabinete, que dispoñía de total liberdade de apreciación no canto dos estudios e sondaxes a levar a cabo e facturar.
Non quero que me interprete mal o lector. Non digo que estea pasando, entre nós, algo parecido ao de Francia. Só apunto que a “sondaxe” de Sondaxe quizais é unha redundancia. Ou unha metáfora do que nos pasa. Se falasen algúns concellos, a metáfora se cadra se volvía linguaxe directa.

14 comentarios:

Luisfoz dijo...

Sempre "La Voz" em campanha contra Galiza. Boicotagem!

Mormaltán dijo...

Sei de enquisas que se fixeron afeitándoas ben antes de que se publicasen, previo pago dalgunhas institucións públicas. Se o noso Consello de Contas metese a man neste choio, sabe Deus o que podía saír de aí.

Español dijo...

En efecto, como en el chiste de Forges, ya están los rojos intentando desprestigiar los resultados que no les gustan. Autor del blog incluido. Es una demencia muy antigua de todos los zurdos. Niegan la realidad que no les conviene, o tratan de llenarla de mierda. Si la encuesta de "La Voz" ofreciese resultados que favoreciesen a sus partidos, no dirían nada. Ni siquiera en el caso de que le atribuyese al PSOE una intención de voto del 90 por ciento y al BNG un 80 por ciento.
Y lo de llamarnos locos a los que votamos lo que, según parece, no vota el autor del blog... Eso ya es de planeta Stalin. Menos mal que la encuesta dice lo que dice, y no al revés.

Español e Galego dijo...

E ese Luisfoz que quere? Que paremos de ler "La Voz de Galicia" e comulguemos co "Xornal" ou coa "Nosa Terra? O tempo da prensa do Movimiento xa pasou.

Anónimo dijo...

Supoño que la Voz coa cantidade de cartos que leva cobrado do goberno querá que esmerarse nos servicios que lle presta.

Anónimo dijo...

Coa política españolista do goberno Feijóo e todo o que está caíndo día a día... se aínda con todo iso, os galegos aumentan o seu apoio electoral ao PP... eu emigro (outra vez).
A verdade é que dan ganas de chorar.

Vagalume dijo...

Estes da Voz, sempre ao servizo de Galiza. Sobre todo cando está gobernada pola dereita.

Xosé Manuel Carreira dijo...

As eleccións autonómicas gañounas Feijó por un escano. A min dame que 22 puntos sonche moitos puntos para tan pouquiños meses de goberno!!!

Hildegart Canido dijo...

La Voz sempre tan oportuna. Agora esta sondaxe a publicar mentres que se celebra a Día da Patria Galega. Antes, o artigo do seu egrexio editor. previo ás eleccións. Está claro contra quen xogan Santiago Rey, o seu xornal e a maior parte dos seus plumíferos. Eu no digo que haxa que boicoteala, pero polo menos hai que pararlle os pés dicíndolle que non somos tontos de remate.

Unknown dijo...

O triste, para min, non é que sexa real o que di a sondaxe, o problema está en que é posible (e, nestes momentos, probable) ese resultado.

Anónimo dijo...

Para ese que se di Español:
Deixate de tanto roxo e tanta merda.
¿Que eres?. Dos estómagos agradecidos, ou eres daqueles renegados dos que falaba Castelao.
Respeta un puco ao nosos antergos pricipalmente aos teus avos, que de seguro falaban galego.

Luisfoz dijo...

Digo-lhe a esse espanhol que se dirige que com efeito leio o Xornal, sou subscritor, mas, graças a Internet posso consultar outros meios (também nos cafés). "La Voz" pode dizer o que quiser, há anos que não a compro por saúde mental. Esse jornal foi sempre contra Galiza, como disse, já desde os tempos de Murguia, pode consultar, se quiser, o primeiro discurso político em galego alá por 1906 em Betanços pronunciado Manuel Lugris. Por suposto excluo a época de Pillado Rivadulla a que os amos da Voz tratarom como a tantos outros. Poderia-lhe dar uma lista. Por certo, o senhor pode ler o que quiser, eu não imponho nada, simplesmente expresso a minha opinião

Antón Dobao dijo...

Estou de acordo con Foz.
La Voz de Galicia publica unha enquisa que probablemente está feita con moita profesionalidade, por que imos dubidar, non? Pero eu interpreto. E interpreto que LVG está na obriga constante de soster o discurso de Feijóo contra a lingua e a cultura galegas. Porque é un discurso que nace en Santiago Rey e La Voz, o primeiro xornal que saltou a disparar contra calquera medida de promoción do galego, por tímida que fose (todas foron tímidas), e da cultura que se expresa en lingua galega. Aínda lembro aquelas necidades de Augusto Assía, que viña a ser o editorialista camuflado, e a súa obsesión con Álvarez Pousa (Director Xeral de Cultura) e con Xosé Luís Barreiro, aos que acusaba de marxista-leninistas (e mira onde acaba Barreiro, vaia home!) e cousas moito peores (na súa reaccionaria opinión). Despois chegou o seu alumno avantaxado, un personaxe de estilo moi pedestre, cultivador de sofismas que desmonta un neno de once anos e individuo de cultura e moi limitada e luces opacas. Chámase Roberto Blanco Valdés e é o paradima do autoodio. Pero hai moitos máis. Lembro unha campaña de hai apenas nada que rezaba: "A mellor literatura galega escríbese en castelán", o cal é tan falso coma o expresado polo maior oximorón posible.
LVG manchou as mans en campaña electoral; agora ten que seguir a xustificar, a poder ser sacando datos de onde sexa preciso, que a política glotocida e xenófoba, distante, de Feijóo y los suyos é o mellor para os intereses xerais. Pero xa sabemos que desde hai tempo os intereses xerais tenden a ser confundidos interesadamente por entidades tan reprobables e daniñas como La Voz de Galicia.
Cada un que faga o que queira e que lea os xornais que prefira. Eu non compro LVG desde hai moito tempo. Pero ademais non estaría mal esixirlle á Xunta explicación das subvencións ao xornal coruñés, algunhas entregadas en capítulos tan discutibles como o de normalización e promoción da lingua galega. Iso por non falar do negocio audiovisual, etc.
Non me gusta relacionarme coa mafia, por iso non compro La Voz.

Luisfoz dijo...

Peço desculpas pelas gralhas da minha mensagem anterior: aí vai a correção das mais importantes:
é "que se me dirige"
é "pronunciado por Manuel Lugris"
e é "Pillado Rivadulla a quem os amos da Voz".
A indignação que me provocou o testo do espanhol fez-me cometer esses erros