martes, enero 27, 2009

Temporal e desidia



Vivo nun sitio que cada vez é menos campo e máis invasión de cemento e alquitrán. A miña casa está á beira dun río sagrado que cantou Rosalía de Castro e que hoxe só é unha sombra renegrida da súa memoria. A contaminación e o desleixo fixeron do Sar unha cloaca, e están a facer da súa contorna un verte-
doiro incontro-
lado.
A salvaxe manu-
factura recente do primeiro tramo da autoes-
trada de Santiago a Noia arramplou cun outeiro completo no que había carballos e salgueiros en abondacia (tamén piñeiros e algún eucalipto) e a a moleza incompetente do Concello de Ames, rexido por un alcalde que seguramente pensa que é Clint Eastwood ou algo así, fóronnos reducindo aos do Instrumento cada vez máis a unha especie de mohicanos aos que se lles vai a luz cada dous por tres ou lles falla o teléfono ou as vías de acceso.
Esta condición permíteme observar in live oque acontece nesta Galicia cada vez máis moderna e menos funcional. Por exemplo, pasei 24 horas do recente temporal á luz das velas, lavándome como no lonxano Oeste con auga xeada collida na vella fonte que aínda nos queda e coas catro entradas á aldea por estrada cortadas pro árvores que tumbou o vento.
Todo isto podería ser normal dentro da anomia que nos foi imposta pola natureza estes días. Pero hai algo que no o é tanto. Fixeime ben en cal foi a maioría desas árvores que arremeteron contra os postes de Fenosa ou contra os da Telefónica. Case todos eran piñeiros ou eucalitos que ficaron arrasados polos incendios do ano 2006 e que, como ninguén se preocupou de tronzalos e retiralos do sitio, remataron pudríndose e abondo fixeron con manterse de pé ata que chegou o temporal. Os que lograron tal fazaña, porque houbo xa varios que dobraron antes de agora o espiñazo causando tamén cortes de luz e de tránsito pola estrada.
Non digo con isto que abondase cunha preventiva limpa retirando as árvores queimadas para que non rematasen facendo os estragos que agora fixeron e que, menos mal, que non mataron a ninguén. Un temporal como o que acabamos de pasar é dificil de reducir a cero nas súas consecuencias, pero a desidia administrativa e o desafortunado abandono dos modos de vida colectivos, que ata hai poucos anos acompañaban aos habitantes do rural, actuaron de factores agravantes da factura que nos acaba de pasar Eolo.
Aquí moito falar e moito facer política de muíños de vento, de autoestradas para chegar correndo a non se sabe onde, moita gaita e moito redoble de tambor, pero a política das pequenas cousas, que son de certo as que conforman unha boa política, parece que non lle interesa a ninguén. Ni aos Concellos, nin á Xunta, nin o Estado, nin á organización mundial de privilexiados.
Para rematar vou poñer un exemplo. O temporal que comenzou na noite do xoves, 23 de xaneiro, partiú un poste de cemento que conduce a luz ás interminábeis e abandonadísimas obras do cemiterio que está construíndo –máis ben descontruíndo– o Concello de Ames preto de Aldea Nova. Ese poste ficou dobrado sobre a estrada cunha inclinación superior a trinta grados. A penas tres ferriños de pouco máis de 1 centímetro de diametro impediron que non caise aínda sobre a vía pública. Por debaixo del pasan coches diariamente. Pois ben, cinco días despois ningunha autoridade nin organización preventiva ou de salvamento fixo nada por evitar que eses trescentos e pico kilos de cemento rematen causando unha desgraza persoal. O contrario deste abandono sería precisamente a boa política das cousas concretas que nos afectan a todos.

No hay comentarios: