jueves, diciembre 04, 2008

Escáchase a Capela Sixtina de Barcelò


Juan Gasparini, un arxentino antiguo corresponsábel dos fondos económicos do movemento guerrillero desenvolvido no seu país co nome de Montoneros, máis tarde protexido en Xenebra polo profesor universitario suizo, relator especial da ONU para o Dereito á Alimentación e ex deputado socialista Jean Ziegler, nunco estivo a piques de ser tan famoso como agora. Segundo acaba de publicar no xornal electrónico Tribune des Droits Humaines, que se publica en francés e inglés, a cúpula pintada polo artista español Miquel Barcelò para remodelar a sala do Consello de Dereitos do Home no pazo das Nacións Unidas xenebrino está caendo a cachos. Se isto se confirmase, Barcelò non vai camiño de converterse no Michele Angelo dos nosos tempos nin a súa obra vai poder compararse en nada coa Capela Sixtina do Vaticano.
Fontes da institución internacional afectada están tratando de desmentir a información de Gasparini, que insiste porén en que el mesmo puido colarse no referido lugar de Nacións Unidas e comprobar que un metro cadrado, polo menos, das pinturas da sala desprendéronse da bóveda na que a obra de Barcelò tentou dominar unha superficie de 1.500 metros cadrados pintando un onxunto que parece un pratiño voante que é, ao mesmo tempo, “mariño, rupestre e galáctico”, segundo o artista.
Gasparini tamén indica que Nacións Unidas tentou ocultar os acontecementos tapando as portas e prohibindo a entrada na sala e aproveita para lembrar que a obra realizada por Barcelò custou 20 millóns de euros que foron sufragados polo Goberno de España e por varias empresas españolas. O primeiro aportou 8 millóns e as empresas, o resto, ou sexa, 16 millóns. O autor da información tamén sostén que o goberno español utilizou 500.000 euros que pertencían ao fondo de axuda ao desenvolvemento dos países pobres para levar a cabo esta inversión. Aínda que Gasparini non sinala as empresas españolas que aportaron os 16 millóns, é sabido que foron Repsol, Telefónica e o Banco de Santander, principalmente.
Gasparini tamén sostén que, ademais destes custos, habería que sumar o aluguer da casa onde morou Miquel Barcelò todo o tempo que pasou en Xenebra mentres que pintou a bóveda. Trátase dunha casa situada na urbanización de Cologny, na que vive unha boa parte das grandes fortunas xenebrinas, onde os alugueres cómpre calculalos arredor de 15.000 francos suizos (10.000 euros) por mes, sen contar o que custou o cociñeiro francés que foi especialmete contratado para atender o artista.
Unha fonte do Servizo Técnico de Nacións Unidas, segundo o xornal electrónico no que publica Gasparini, apuntou a posibilidade de que o accidente sufrido na bóveda se deba ao calor acumulado na parte alta da sala e aos tipos de pintura utilizados. Porén, o xefe da obra levada a cabo, Daniel Starrenberger, refutou esa opinión durante unha visita de prensa organizada polos servizos informativos de Nacións Unidas na tarde do mércores pasado. Sábese que Barcelò precisou 35 toneladas desas pinturas.
A iniciativa de levar a cabo esta obra, que xa viña sendo acompañada pola polémica, xurdiu no 2005, a raíz dunha visita dos Reis de España ao pazo das Nacións Unidas, “para a alianza das civilizacións”, recollendo unha proposta de España e de Turquía feita no 2004. A idea foi logo retomada pola ONU “para reforzar o diálogo intercultural e superar a incomprensión, especialmente entre o mundo occidental e o islámico”. A nova sala foi rebautizada co nome dos Dereitos do Home e da Alianza das Civilizacións, unha idea que sempre é moi acariñada polo presidente español, Rodríguez Zapatero.
Falta agora por saber se este contratempo vai dificultar ou non a segunda inauguración oficial da sala (a primeira tivo lgar o pasado 12 de novembro coa asistencia do Rei de España e de Zapatero). Está anunciado un acto oficial de conmemoración do 60 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos e prevista a presencia do secretario xeral de Nacións Unidas, Ban Ki-Moon.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Sobre a cúpula en cuestión -é unha maneira de falar- escribiu hai uns días un excelente artigo Antonio Muñoz Molina.

Anónimo dijo...

Haberá que agardar non vaia ser que despois de tantos milleiros de euros a cousa quede en "Capela Sentina"

Anónimo dijo...

E que di a Cadena Ser de todo isto? Porque pase lo que pase está la Ser, non?

Anónimo dijo...

Dicía Salvador Dalí que Picasso é español, eu tamén; Picasso é un xenio, eu tamén; Picasso é comunista: eu, tampouco. E se cadra levaba razón, visto o ben que trataron os nazis a Don Pablo durante os anos da ocupación de Francia. Pero a fin de contas era Picasso.
O tal Barceló é, simplesmente, un produto do suplemento dominical do País. Empresa que, por certo, está a caer ao mesmo tempo que a cúpula do Miquel (mesmo no caso de que Cebrián conseguira venderlle a algún incauto a ruina de Digital Plus).
O mundo vense abaixo, meus amigos. Qué mágoa, coño. Agora que xa case me tiñan enganchado os dislates sintácticos de Benicio del Toro...