lunes, diciembre 22, 2008

A carabina de Ambrosio

Definitivamente, o da concesión de parques eólicos vai rematar como o rosario da aurora. Ou mellor aínda, coma carabina de Ambrosio, aquela escopeta que utilizaba un bandoleiro sevillano cargándoa con semente de cánabo en vez de pólvora. E, xa postos á metáfora, coma carabina aquela que inventou un militar nortamericano chamado Ambrosio Burmside e que deixou rapidamente de fabricarse pola súa marcada propensión a engastallarse.
Empezaron dicindo os de Industria que se lles estragara a informática, algo que non llelo creu nin o que asa a manteiga. Recoñeceron logo que había que aprazar o conto porque non daba tempo a facer as cousas como se precisaba. E remataron vendo como lles pegaron a espantada os representantes das consellerías do PSdeG-PSOE dicindo mesmo que pode haber inseguranza xurídica na maneira de levar a cabo o concurso.
Núñez Feijóo, mentres tanto, non para de repetir que hai que adiar a concesión eólica ata despois das eleccións para que sexa o novo goberno que xurda das urnas o que se encargue de resolver este importantísimo procedemento que ten coa alma fóra do corpo a toda a oligarquía galega e parte da de fóra.
Nunca estiveron no tellado de Galicia pelotas como as que agora poden acabar marcando goles multimillonarios. A expectación, entre os xogadores deste partido de fútbol, é extraordinaria, dende logo, e a propia opinión pública empeza a preguntarse que pode estar pasando para que o bipartito se atreva como nuca a marcar diferenzas cando a penas faltan dous meses e medio para as eleccións do 1 de marzo. E digo a opinión pública porque o que é a publicada xa se pronunciou segundo lle convén a quen a publica.
A resposta a todo isto agora si que está no vento e non cando Bob Dylan e Joan Baez empezaron a cantar Blowing in the wind. O que pasa é que parece que ven de travesío, e non se escoita case nada do que habería que escoitar. Saberémolo que está a pasar algunha vez? Se cadra si, se cadra non. Mentres tanto, a min ninguén me quita a fe de que o vento, a riqueza e a ventura non son cousa segura. E a ver se o vento ventiño, vento venteiro, hoxe é rosmón e mañá falangueiro.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Señor Conde: esta vez quedouse corto. Os do PSdeG-PSOE non só apuntaron a presumible existencia de inseguranza xurídica no proceso de concesión eólica levado a cabo polo BNG. Falaron claramente de que podemos estar diante dun "atropello á legalidade vixente" (Salvador García, director xeral de Calidade e Avaliación Ambental, dixit).