sábado, noviembre 29, 2008

Marcos Valcárcel


Esta tarde, en Ourense, Marcos Valcárcel recibirá a homenaxe que tanto merece por moitas e variadas razóns. Presentará o seu libro Historia de Ourense e reunírase a cear con amigos e admiradores que chegarán de toda Galicia e mesmo de fóra. Coido que eu non vou asistir físicamente. O tempo e as témporas téñenme amorriñado e non ando con forzas de sobra para meterme na boca dun inverno que caeu enriba de min como un témpano despois de vivir as últimas semanas no verán adiantado de Arxentina.
Asistirei, dende logo, de corazón e de espíritu. Aínda que só fose por ser o motor da esplendorosa ventá aberta que é o seu blog As uvas na solaina, Marcos Valcárcel é merecedor da miña solidariedade e da miña admiración nun día como o que hoxe está a vivir. Sen contar, ademais, os outros méritos de nacionalista competete, historiador e docente que adornan a personalidade do homenaxeado.
Marcos está a vivir, por outra parte, un dos momentos difíciles da súa vida por ter que enfrontar unha grave enfermidade semellante á que padece o científico británico Stephen Hawking. Amigos comúns cóntanme que a súa vontade de superación é case infinita e, gazas a ela e os avances médicos que están a producirse precisamente nestes momentos, Marcos Valcárcel seguirá sendo a figura senlleira do galeguismo crítico e progresista que representa.
Tiven máis dunha vez algunhas diferenzas ideolóxicas e interpretativas coa alma mater das Uvas na solaina, pero nunca pechei os ollos para ver e admirar cordialmente o incansábel labor de quen, coma Valcárcel, traballa arreo e intelixentemente pola súa terra, as súas xentes, a súa cultura e o seu mediomabiente. Marcos, por dicilo cunha palabra pasada de moda, é un home comprometido, un auténtico engagé se houbera que seguir a terminoloxía sartriana, e por iso eu admíroo máis aínda. Por tratarse de alguén que non mira para o o lado senon dunha persoa que sabe e quere ser do seu tempo e do seu país.
Por todo isto e por moito máis, como dixo Bragado no seu Brétemas, hoxe todos estamos con Marcos Valcárcel.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Vaia para Marcos desde aquí, unha vez máis, toda a miña admiración e o maior dos cariños.

É un deses homes que fai que Galicia sexa máis grande nos corazóns que nos mapas.

Ben lamento non poder asistir, pola hora, á súa homenaxe...!!!!

Mil apertas, irmán.

Anónimo dijo...

Entre os moitos espíritos que revoaban sutilmente en Ourense nunha noite tan cálida humanamente, coido que percibín o alento amigable e fraternal dos señores Perfecto Conde e Almiral Mouchez.