domingo, abril 27, 2008

Piratas


Léoo en Le Monde, pero a noticia procede do New York Times e do Washington Post. A administración Bush dixo no Congreso que os axentes de información americanos poderían recorrer a métodos de interrogación prohibidos polo dereito internacional. O Ministerio de Xustiza norteamericano mandou cartas ao Congreso pronunciándose a favor desta interpretación xurídica dos convenios de Xenebra que regulan o trato que debe darse aos presos de guerra. Sosteñen os xestores da política de Bush que os límites dun interrogatorio poden variar en función de quen ou como sexa o detido.
Brian Beczkowski, viceministro de Xustiza, nunha carta datada o 5 de marzo, tratou de indicar que “o feito de que unha acción sexa emprendida para evitar un atentado e non para buscar a humillación ou abusar, sería aceptábel para un observador razoábel encargado de medir o grado de aldraxe cometida”. O xornal New York Times precisa, a partir destas palabras, que a administración Bush non definíu que métodos de interrogación poderían constituír as “aldraxes á dignidade persoal” que proscriben as convencións de Xenebra. Segundo cita o Washington Post, a carta de Benczkowski tamén di que “certas prohibicións, coma que afecta á dignidade, convidan a considerar as circunstancias que envolven as accións”.
Foi o senador demócrata Ron Wyden, membro da Comisión de Información, o que deu a coñecer as cartas procedentes do Ministerio de Xustiza logo de recibir información confidencial que lle fixo preguntar oficialmente polo asunto. O propio presidente George Bush vetou, o pasado mes de marzo, un texto que trataba de prohibir os interrogatorios mediante a tortura, como o que bota man da simulación de afogamento, por exemplo, que foron denunciados polos seus detractores. O Congreso norteamericano, no que son maioría os demócratas, adoptou en febreiro pasado unha disposición obligando aos servicios de información a conformárense con aplicar as regras de interrogatioio impostas aos militares.
Dirame algún lector por que reactivo este blog, que estivo calado durante máis dunha semana, con esta noticia e non coa piratería á que foron sometidos os nosos pescadores. Postos a elixir piratas, hainos que escoller entre os máis grandes.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Non nos damos conta do que está acontecendo día a día, ano a ano deste século XXI. Cada vez estamos máis preto daquel réxime que comezou con aquel homiño de bigote pequeno, admirado por o sáprata Franco e Musolini. Pero cando xa nos demos conta a onde nos leva estes gobernantes elexidos por un porcentaxe moi baixo de votantes dese país de tolos chamado EEUU, será moi tarde e non haberá remedio a rexeitar a cordura.Os deuses nos collan confesados cando iso chegue xa que o imperio morrerá matando. O peor de todo isto é que Europa é tan culpable por acción e por omisión de consentir toda a maldade dese putrefacto país. Exemplo o temos en Irak. ¿Cal vai ser o proximo país invadido para roubar a mans cheas?. Haber se estoupa dunha vez por todas e se van para o carallo dunha p..... vez.