martes, marzo 11, 2008

Unha tarde en Père Lachaise






Dicialles onte que andivera polo Père Lachaise, o cemiterio máis notábel de París, de visita obrigada aos mortos que un non esquece. Fun directa-
mente á tumba de Edith Piaf, que está nun lugar alonxado da entrada principal. “Dieu réunit ceux qui s’aiment”, reza sobre o mármol unha frase da propia cantante, e debe ser verdade porque o sepulcro acolle tamén os restos de Théophanis Lamboukas, o seu amado Theo Sarapo, e os de Louis Alphonse Cassion.
Case a carón da Piaf foi enterrado hai pouco Henri Salvador. O seu panteón está completamente cheo de rosas e recordatorios e, ao seu lado, descansa outro cantante francés, Gilbert Becaud, que aínda segue recibindo abondantes ramos de flores a pesar de que xa pasaron sete anos dende o seu falecemento. Con Gilbert teño tomado moitos wiskies cando eu vivín un ano enteiro nun hotel da avenida da Habana madrileña e el cantaba polas noites e tocaba o piano no bar do estabrecemento. Era un deses franceses aguerridos cos que dá gusto parolar e ao que, sen ser un Leo Ferré ou un Georges Brasssens, tamén era un pracer escoitalo cantar.
A poucos metros destes enterramentos, o visitante do Père Lachaise atópase cunha auténtica delicia de respecto mostrada polo Partido Comunista Francés aos seus mortos e ás vítimas do nazismo. Ademais dun enorme panteón propiamente institucional, os últimos seus dirixentes máis importantes falecidos (Maurice Thorez, Jacques Duclos, Waldeck Rochet) teñen cadanseu panteón, así como os inmigrados da resistencia francesa e os voluntarios franceses das brigadas internacionais de España. A carón deles, outro comunista egrexio, o gran poeta Paul Eluard, tamén está enterrado noutro cuidadísimo panteón.
Preto deste lugar está enterrado Oscar Wilde. A súa monumental tumba está chea de bicos. Chamoume a atención o respecto co que estaban homenaxeando o célebre poeta e dramaturgo irlandés un grupo de rapaces e rapazas italianos que case choraban tocando con mans acariciadoras a masa marmórea que acobilla os seus restos.
A poucos metros, case a carón do impresionante Columbario que tén este cemiterio parisino, están entrerados a parella de actores composta por Simone Signoret e Yves Montand. Para os da miña xeneración foron xente importantísima. A Yves lembrareino sempre cantando, coa súa poderosa voz, as cancións da resistencia francesa ou os cantos da loita obreira do seu país. Aínda sego oíndo a Federico Ordax remedando, pola Calderería compostelá, algunhas daquelas estrofas.
Pasear por Pére Lachaise é levar a cabo unha inmersión na historia. Marcel Proust, Sara Bernhardt, Isadora Duncan, Frédéric Chopin, Molière, Honoré de Balzac, Jim Morrison, François Raspail, unha enorme cantidade de celebridades están enterradas neste camposanto que ocupa un outeiro boscoso con grandes vistas á cidade de París e que foi construído sobre unha parcela que perteneceu ao Padre De la Chaise, confesor de Luis XIV, antes de ser expropiada por Napoleón para dar repouso aos mortos. Xa foi ampliado seis veces e agora segue recibindo enterros. Entre os panteóns máis pomposos, os de varios membros da vella nobleza e da oligarquía española. Por exemplo, o do marqués de Casalriera. A estación de Metro máis cercana, que leva o nome do cemiterio, é unha das que conservan a súa boca coa mesma estrutura modernista que caracterizou esta infraestrutura de tranporte público parisino.
Non me deu tempo a acercarme á tumba de Victor Noir, un xornalista do século XIX, que foi fusilado por Pedro Bonaparte, primo de Napoleón III. O galego Ramón Chao escribíu algunha vez sobre este personaxe que está enterrado debaixo da súa estatua, a tamaño real, e onda ao que acoden moitas mulleres buscando a fertilidade. Dise que, tocándolle as súas partes (as da estatua, claro está) hai quen volve a ter fillos. O que está demostrado, por agora, é que ese cacho da estatua cada vez se vai desgastando máis e os responsábeis do cemiterio xa pensan en tomaren medidas para evitar que Noir remate definitivamente castrado.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Doulle as grazas ao autor por estas interesantes brochadas que nos está ofrecendo de París. Anímoo moito a continuar con elas. Poden constituír unha boa suxestión de visitas para os que queiramos visitar proximamente a capital de Farncia. Eefectivamente vese que o Perfecto Conde é un afrancesado e, nisto, xa somos dous polo menos.

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Anónimo dijo...

Non fotografou a tumba de Jim Morrison? Nin ningunha dun chinés recén enterrado?

Eu tamén o animo a que sega coa serie.

Luisfoz dijo...

Esqueces Eugène Pottier, o autor da Internationale e do Temps des cérises. Eu fotografei-me ao pé da sua cova. Que sorte tés.