miércoles, febrero 06, 2008

Finou Carmelo Teixeiro, dos bos e xenerosos


Finou Carmelo Teixeiro, ferrolán dos bos e xenerosos. Descanse en paz a súa figura, que é a dun loitador incansábel pola xustiza, a paz, a liberdade e o respecto á natureza. Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Carmelo deu a vida por librar a súa cidade do perigo insensato que representa a instalación da planta de gas de Reganosa no lugar que foi imposto polos intereses privados e a condescendencia irresponsábel dos políticos da Xunta de Fraga e de Touriño.
Como lembra a Asociación Fuco Buxán na súa nota necrolóxica, Carmelo Teixeiro empezou a formarse como político e sindicalista nas Xuventudes Obreiras Cristianas (JOC), fundou logo a Unión Sindical Obreira (USO) en Ferrol e pasou despois a ser dirixinte da Unión Xeral de Traballadores (UXT). Dende 1978 formaba parte da dirección local do PSdeG-PSOE. Coñecino ben e mantiven moito trato con el durante a miña estadía ferrolá, que transcorreu de 1999 a 2003. Por iso sei que era unha das mellores persoas polas que un debe magoarse cando nos abandonan.

No hay comentarios: