sábado, septiembre 08, 2007

O Losadagate non para de medrar

























O Losadagate non para de medrar. Á escandalosa demostración de como trataba de intervir e censurar Antón Losada os contidos informativos da TVG, dada a coñecer por El País o venres, súmase agora a carta que lle envíou Benigno Sánchez García, director xeral da Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o 29 de agosto, para poñelo ao corrente "dunha situación que entorpece, ata límites dificilmente soportables, o traballo que veñen realizando os profesionais dos Servizos Informativos da Televisión de Galicia que afecta aos criterios de profesionalidade, pluralismo, equidade e independencia que deben presidir a actuación dos medios públicos de comunicación".
Esta carta, publicada hoxe polos xornais composteláns El Correo Gallego e Galicia Hoxe, considera "anómala a situación xerada, fundamentalmente, pola actitude do secretario xeral e de relacións institucionais desa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, D. Antonio Losada, que constantemente e con malas formas salpicadas de insultos, atribuíndose funcións que non lle competen, pretende decidir determinados contidos informativos dos telexornais, establecer cales son os temas que deben ser tratados e incluso en que orde de prioridade, presionando a diferentes profesionais desta casa".
Benigno Sánchez tamén lle fixo saber a Quintana que a situación agravouse "ao esixirlle Antonio Losada á Dirección de Informativos que se abstivese de cubrir informativamente os actos públicos programados pola Vicepresidencia da Xunta. De feito, o pasado lúns, día 27, os profesionais que acudiron a informar sobre un acto público convocado por ese departamento en Santiago de Compostela foron 'convidados' a abandonar o recinto por responsables de comunicación da Vicepresidencia. Como non o fixeron, dende a Vicepresidencia chegouse a insinuar que se recorrería ante os tribunais de xustiza por gravar e emitirmos imaxes do vicepresidente sen o seu consentimento".
Á vista desta carta, é evidente que Anxo Quintana era coñecedor da impresentábel política de censura que viña levando a cabo o seu segundo da Vicepresidencia. ¿Sabía tamén que Antón Losada, cando estourou a polémica do Himno Galego, chamou por teléfono a algún que outro secterario xeral da Xunta para ameazalo dicíndolle que "agora imos ir a pola túa conslleira"? Non resulta doado entender, polo tanto, que agora diga Quintana que nunca lles vai dicir aos xornalistas o que teñen que facer (ver declaración súa en EL País de hoxe). Se se refire ao futuro, pódeselle aceptar, pero non é de recibo que o diga en referencia ao pasado no preciso momento en que se está descobrindo o que parece un alarmante aparato de intervencionismo e censura política desenvolvido dende a secretaría xeral que ocupou o segundo do vicepresidente. Está ben que pida para Losada o mesmo respecto que puido haber nos anteriores ceses da Xunta, pero tampouco estaría mal que o pedira para os xornalistas que exercen nos medios públicos e que foron gravemente humillados polo túzaro desfenestrado. Polo que se ve, non acaba Quintana de entender como deberían ser as súas relacións cun mundo, o da comunicación, respecto ao que se mostra absolutamente dependente pero moi desconfiado e intranquilo. Quizais isto é unha vella rémora dos dirixentes nacionalistas galegos, sempre dados a cazar meigas aínda que só haxa volvoretas enriba das vasoiras.
Do que non hai dúbida é de que Alberto Núñez Feixóo e o PP que herdou de Fraga están refregando as mans de satisfacción. E hai que recoñecerlles aos dous, á persoa e á organización, que non están aproveitando a ocasión para facer leña doada da árvore machetada. Dificilmente lles podían tocar unha lotería mellor ca de ver como as dúas forzas políticas do Goberno foron capaces de encerellarse neste Losadagate que xa está pendindo que Befa e Mofa fagan sobre el unha Castañola 07, con permiso de Moncho Alpuente.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

"se queres saber como é Pepiño dalle un carguiño". Que razón ten o saber popular...(as veces)

Anónimo dijo...

Está ben iso que di o anterior comunicante sobre se queres saber como é Pepiño dalle un carguiño. Por exemplo, a Pepiño Blanco déronlle un carguiño e víuse rapidamente canto mide un medio metro en Plas de Rei.
A que ninguén lle grava as conversacións de Pepiño Blanco cando fala con Roberto Cid para impartir a doctrina mediática aplicable á TVG? A que Benigno Blanco non lle mandaría unha carta a Touriño por este motivo? A que El País non publicaría nada?
Ergo, quen lle está pasando a explanadora por enriba do corpo a Loasada é o PSOE. E que fai Perfecto Conde aplaudíndolle a este exército de nvasión?

Anónimo dijo...

Quen é Roberto Cid? O de Roberto, Alcázar e Pedrín?

Anónimo dijo...

Por certo, non podería o autor engadir algo concreto sobre esa illa paradisíaca que di que coñece no Caribe e que lla recomendou a Losada para pasar nela un período de vacances curativas? Me parece que dixo que se chama Rimini ou algo así.

Anónimo dijo...

Non sei que faría ou deixaría de facer o PSOE; e a Losada que lle dean (* Martin). O que me preocupa é o Quintana e o BNG. Quen é o responsábel de que este túzaro se vaia con 15.000 pelouros? Quen se atrevéu a mantélo até que acadóu o "dereito" a percibir estes cartos? Por que non o cesaron "un día" antes? Non entendo a necesidade de incentivar cargos que todo o mundo quere. Quintana, se lés isto, fágote responsábel de tamaña infámia e traizón, "non durmas, meu neno, non durmas".