jueves, agosto 09, 2007

Oceana descubríu unha esponxa carnívora en Andalucía



Unha pequena pero interesante esponxa carnívora foi descoberta pola organización Oceana nunha montaña submariña coñecida como Seco de los Olivos, a dez millas da costa de Almería. A especie foi bautizada co nome científico de Asbestopluma hypogea, e é a primeira vez que se atopa en augas españolas e tamén a primeira cita que se fai dela en augas profundas (arredor de 167 metros de profundidade). Ata agora só fora atopada en tres covas submariñas pouco profundas, entre 15 e 25 metros, dúas en Francia e unha en Croacia.
A singular esponxa carnívora mediterránea a penas mide 2 centímetros e pola súa escaseza foi incluída no listado de especies protexidas da Convención de Barcelona para a protección do Mediterráneo. As esponxas carnívoras son tan raras que hai debate científico sobre se realmente deben ser consideradas esponxas. Ao contrario do resto das esponxas, non filtran a auga para capturar os pequenos organismos supendidos nela, senón que teñen filamentos con aguillóns que lles permiten coller os pequenos crustáceos que primeiro envolven e logo dixiren grazas á participación de numerosas bacterias.
Ricardo Aguilar, director de Investigación de Oceana, dixo que "a diversidade de esponxas, corais, gorgonias e outras especies de Seco de Los Olivos non deixou de sorprendernos. Cada día realizamos un novo descobremento que aumenta o interese ecolóxico desta zona". Pola súa parte, Xavier Pastor, director executivo de Oceana, salientou o descobremento dicindo que "a importancia das especies que estamos atopando neste lugar, xunto coas graves ameazas que sofren, obrigan ao Goberno español a tomar medidas urxentes para preservar esta paraxe única".
As esponxas carnívoras son especies que foron documentadas en augas oceánicas ata case 9.000 metros de profundidade. Porén, a encontrada por Oceana nunca fora documentada anteriormente fóra de covas ou a grandes profundidades, polo que o achádego é novedoso.
Tamén son igualmente chamativas as esponxas de cristal ou hexactinellidas dos xéneros Asconema e Aphrocallistes, que podería ser a primeira vez que se detectan no Mediterráneo. Foron filmadas a 200 metros de profundidade polo ROV, o robot submariño que utiliza Oceana a bordo do seu catamarán Ranger. As máis grandes, de preto de medio metro de altura, teñen aspecto de copa ou sombreiro invertido. As esponxas de cristal son especies típicas de augas profundas e frías e son especialmente abondantes na Antártida. Outras esponxas similares foron descobertas hai dous anos polo Insituto Español de Oceanografía (IEO) no banco El Cachucho, montañas submariñas situadas ao norte de Asturias que poderían converterse no primeiro parque integramente mariño de España.
Na área mostrada por Oceana atopáronse tamén moreas de artes de pesca perdidas que dañaron a diversas esponxas, gorgonias e corais. As investigacións que está levando a cabo Oceana encádranse no convenio firmado coa Fundación Biodiversidad para a caracterizar os fondos mariños e detectar zonas mariñas potencialmente protexíbeis.

No hay comentarios: