viernes, agosto 17, 2007

Moreno Torres na fosa do Acebo






O sábado pasado subín a O Acebo, a sete quilómetros da Fonsagrada (Lugo) e a poucos máis da localidade asturiana de Grandas de Salime, para ver onde estaban enterrados os corpos do comandante republicano Xosé Moreno Torres e unha parte dos homes cos que este anarquista coruñés estaba tentando chegar á Coruña cando foron asasinados, en outubro de 1937, por un grupo de falanxistas e gardas civís nese lugar montañoso da raia galego-asturiana.
Confeso que me emocionei ata as bágoas. Pisar aquela terra sombriza debaixo dos carballos que aínda quedan a carón da estrada que vai da Fonsagrada a Grandas é vivir de repente o drama que sufriron os nosos devanceiros hai sete décadas. E atopar logo e abrazar na Fonsagrada a miña amiga Carme García-Rodejas, auténtica labradora da recuperación da memoria daquelas vítima do terror franquista, non foi unha emoción menor tampouco. Alí estaba con Manuel Rivas, Javier Ortiz, Antón Santamarina e outros meritorios artífices de conservar a esencia do que somos. Por certo que fermosa cantidade de xente da Fonsagrada e de Grandas acodíu a escoitalos ao salón de actos dos Chaos. Moita mocidade, entre ela, para que logo se diga que os novos pasan do que nos paosu a todos.
Quen queira saber sobre Moreno Torres e o tráxico asasinato do que foron vítima el e preto de ducia e medias de homes que o acompañaban cando estaban tratando de pasar o Alto do Acebo, pode consultar a magífica reportaxe que publicou Santiago Romero no xornal La Opinión o 3 de xuño deste ano.

No hay comentarios: