miércoles, julio 11, 2007

Conservas Calvo, Julián Lago e o polígrafo


A case todos nós, sobre todo á dirixenza política, acostuma enchérsenos a boca cando falamos do bo momento polo que parece estar pasando Galicia. Que se Amancio Ortega e Inditex, que se Adolfo Domínguez, que se Rodman, San José, etc. Xa non está ben visto falar mal de nada nin de niguén. Chegou a hora da plaisanterie poque si, o fair play algo badoco, o bomaneirismo por sistema.
Non é de extrañar, polo tanto, que ningún conspicuo e sesudo comentarista da actualidade máis nosa se ocupara de algo que a min me chama moito a atención, como é o feito de que unha empresa conserveira galega de postín, Calvo, dera o cantazo en El Salvador obrigando supostamente a unha parte dos seus traballadores a someterse á peliculeira proba do detector de mentiras tamén chamado polígrafo. Calvo Conservas El Salvador, S.A., filial do grupo conserveiro que foi desenvolvéndose a partir de Carballo (A Coruña), segundo as noticias que difundíu o xornal Rebelión e rebotou en Galicia Vieiros, practicamente obrigou a varios traballadores a pasar a proba poligráfica que foi practicada por unha empresa privada mediante a coñecida técnica de colocar electrodos en diversas partes dos seus corpos de paso que lles ían facendo preguntas.
O caso foi difundido como unha suposta práctica das “tácticas antisubversivas” que veñen aplicándose naquel país centroamericano e que chegan algunhas veces a ultrapasar os límites da legalidade. Mariano Alexander Guerrero, secretario do Sindicato General de Traballadores da Industria Pesqueira e Actividades Conexas, foi chamado pola xefa de producción da conserveira, Dora Lilián Cruz, para manifestarlle que varios traballadores de Calvo ían ser sometidos a unha proba poligráfica debido a que “tiñan ocorrido actos de sabotaxe contra un montacargas e unha banda de produción”.
Aínda que os representantes da empresa explicaron, despois de que se destapara esta sospeitosa práctica, que a proba era totalmente voluntaria, a verdade é que os que tiveron que pasar polo polígrafo tamén foron advertidos de que negarse a facela sería interpretado como indicio de que estarían implicados na comisión da sabotaxe investigada ou que polo menos algo saberían de cómo se cometeu. O curioso é que, entre as preguntas que lles fixeron, había varias dirixidas a averiguar a querenza dos traballadores interrogados pola empresa que os emprega, a súa opinións sobre os sindicatros, etc.
Logo de que esta noticia empezara a percorrer o mundo, o Grupo Calvo emitíu un comunicado negando “de forma rotunda” a información que sostén que foi usado o polígrafo entre os traballadores da súa fábrica salvadoreña e mesmo adiantan que “de ningunha maneira se vai permitir calquera tipo de coacción” ou que se van “tomar as accións xurídicas e legais que se estimen oportunas para defender o bo nome da empresa e para defender os seus lexítimos intereses”.
Eu a Conservas Calvo, en vista do que pasa, propoñeríalle unha nova estratexia publicitaria. Que contrate a Julián Lago e o polígrafo aquel que utilizaba o xornalista vallisoletán en Tele 5, que podía pasar a chamarse “calvógrafo”. Mesmo podían pasar por el os clientes e preguntarlles por que lle cae o pelo ao atún. Que tal se a serie de anuncios se titula Agarreite coas mans na lata, gachupín? Algo longo de mais, se cadra. Pois logo que lle chamen Calvigrafía.

No hay comentarios: