martes, julio 24, 2007

Alvite, alma larga





Gustoume a presentación que lle fixemos onte ao libro de Xosé Luís Alvite Almas del nuevo largo. E, polo que puiden aprezar, tamén lle gustou moito ao varios centos de persoas que asistiron á kermesse que tivo lugar no Dado-Dadá. Entre outros, a Xosé Antón Ponte Far, que me dixo que había que mudar o estilo de presentación dos libros cara a este tipo de manifestacións. Ou a Alfredo Conde e a Acisclo Manzano, que igualmente pasárono ben na velada.
Para os que non a coñecían, foi unha agradábel sorpresa a actuación da espléndida Nora Jones galega, Belén Xestal que interpretou magníficamente varios temas jazzísticos co seu excelente grupo musical. De Lorenzo Díaz e de Alvite que lles vou dicir? Que estiveron á altura que agardamos deles, que xa é o nivel dos xenios. Lamentabelmente non podo reproducir citas textuais do que dixeron. Eu tamén era cooficiante e non podía estar na misa e repicando. Cmo o que eu dixen do autor levábao escrito, pódollelo reproducir e aquí vai a continuación. Que lles sexa leve a lectura.

José Luis Alvite Almas del nueve largo Hoxe Alvite seguramente non aprende hebreo, pero Katia, a súa bahiana discípula de Jorge Amado, a que bailaba a samba coa Gabriela Cravo e Canela, aínda ha tirar de nós para o medio da pista, e que alguén garde a porta. Non vaia ser que a Teddy Mancuso lle volvan a disparar ao veren que non lle colle o rostro na faciana. Que o disk-jocquey non poña música latina. Estamos en New Orleans e imos disfrutar dela antes de que Busch volva a inundala. Ou será en Boston onde nos atopamos? Coido que Brenda Miles anda por aquí e pode que leve algún revólver escondido na súa roupa interior, pero cómpre que non nos asustemos. Alvite lévase ben con ela e ha saber aplacala. O caso é que estamos aquí para celebrar, esta vez si que usei ben este verbo, a chegada dun gran libro. Almas del nueve largo é unha mostra máis, e xa van moitas, de que Xosé Luís Alvite xa ten gañada a gloria de incribir o seu nome –por certo, engarzado nunha boa saga de xornalistas brillantes– na literatura galega contemporánea. Aínda que non escriba na lingua de Castelao e o faga só nunha das dúas de Rosalía, que tamén é a de Cela, de Torrente Ballester, de Camba e de Fernández Florez, a moi abondantísima obra deste rapaz teimudo e tan noitarego como os vagalumes, aqueles marabillosos bichiños luminosos que xa case non se ven porque o ladrillo e o cemento están expulsándoos da natureza, e que na miña terra aínda lles chamamos vellas facendo nas papas, a escrita deste Bukowski mellorado, verán vostedes como pronto ha ser obxecto de teses universitarias. Ou tan despistadas andan as aulas das nosas universidades? Non vaia ser que lle pase como lles pasou a Cela e a Torrente, que tiveron que ocuparse deles en Harvard ou en Atlanta antes de que se decidiran a facelo en Santiago ou na Coruña. En calquera caso, coido que este proceso hase acelerar coa aparición deste libro. Un autor que é capaz de retratar maxistralmente a vicepresidenta do Goberno de España, entre outros e outras (tomen nota, pasei pola alfándega do política e ás veces estupidamente correcto), un autor asi, repito, poderá morrer novo e sen honoris causae, pero non se preocupen os seus herdeiros, que o seu parente ha pasar á historia. Verán como esta vez fago ben de profeta. No de pasar á historia e non no de que Alvite morra novo, que xa non o é e ha morrer de vello. De calquera xeito, Alvite é dos que nunca se chaman a engano porque tén moi claro que hai que aceptar que a felicidade consiste en non trazármonos grandes obxetivos na vida. Como di el, cada quen é moi libre de facer valer a súa moral e a súa hixiene. Os tipos coma el, e a min gustaríame pertenecer ao seu fenotipo, só estamos vivos para evitar que nos chegue toda a chuva ao chan. Parecemos homes rudos e sen sentimentos, pero a máis de un de nós víronlle quitarse a orquídea da solapa para que non lla ferisen dun disparo. Xosé Luís Alvite é deses. Tiraríase de cabeza nunha poza para que non pasaran os coches por riba dunha camelia abandonada. Como el mesmo nos indica no limiar do libro que presentamos, na primavera de 1998 levaba dous anos e medio escribindo un par de columnas semanais para un xornal no que alguén pretendera ligarlle as trompas aos seus soños. Despois de vintecinco anos de xornalismo atopábase cobrando 18.000 pesetas ao mes. Joder, exclamou, era o mínimo que calquera poeta gastaba en limparlle os vómitos á fame! Xa daquela rondaba pola cabeza do noso autor a idea de escribir Almas del nueve largo. E rematou escribindo e publicando este libro, non sen pasar antes por períodos nos que soñaba que un xuíz lle precintaba os petos e un mendigo lle embargaba as mans. Soubo, porén, manter acendida a chama literaria dos seus asuntos, como di el, porque a un idioma nada lle fai tanto dano como o silencio e, meses despois, abríronselle as portas do hoxe tristemente desaparecido Diario 16, primeiro, e de Carlos Herrera, La Razón, La Opinión e Faro de Vigo máis tarde. Hoxe é, para min sen dúbida, o mellor e máis auténtico columnista galego aínda que escriba na lingua de Cervantes, tamén galego a fin de contas. E aquí o temos. Neste libro e nos seus artigos de case todos os días. Conserva –tamén como di el– os hábitos, os vicios e os desencantos de cando as cousas lle foron mal porque sabe que o éxito non é maís ca o prezo que hai que pagar pola sorte de tirar partido dos fracasos. Por moi escura que sexa a noite, Alvite sabe ver as estrelas reflectidas no capó do coche co que percorre a soas de madrugada as rúas dunha cidade na que a xente esperta do seus soños por culpa de meterse na cama. Esa é a súa filosofía existencial que el tan ben domina no ambiente do Savoy, un club nocturno no que aos perdedores, como tamén nos di o autor, só lles corre a relativa presa de volver á casa a tempo de dar os bos días aos seus cadáveres. A mezcla esa aleatoria de esperanza e cinismo sen a que moitos, Ernie Loquasto, entre outros, xa non poderiamos vivir. En fin, que a Xosé Luís Alvite xa o temos dentro da nómina dos grandes articulistas. Con Francisco Umbral, con Raúl del Pozo, con Antonio Burgos, con Manuel Vicent, Maruja Torres… Coma Pérez Reverte, aínda que sei que algúns vanme revirar o ollo ao escoitar este nome. Con aquel inimitábel e desaparecido Robert Escarpit que escribía na primeira páxina de Le Monde. Se me deixan autocopiarme, direilles, como digo no epílogo de Almas del nueve largo, que se nacera en Nova York, en Washington ou en Los Angeles, Alvite tería columna con capitel en calquera templo do xornalismo norteamericano. Aquí, porén, nunca poderá ser coma Suso de Toro, autor de cabeceira de Zapatero. Nin seguramente o lerán moito Rajoy, Quintana, Acebes, Carod Rovira ou Baltasar Garzón. Se cadra o le algo Xosé Manuel Beiras, que tamén anda estrenando hoxe un libro. Alvite non é autor que corra só polo carril politicamente correto. Gústalle, felizmente coma moitos outros, andar por libre e sabe ben que o que a el lle causa inquietude e insomnio, a outros prodúcelles suculentos dereitos de autor. O meu aplauso, amigo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

gran presentacion, e gran gran concerto de jazz o estilo do Savoy.